A ameaza da borrasca Karlotta non será un impedimento para celebrar o tradicional Entroido de Cobres, que mantén a totalidade da súa programación para achegar o seu colorido e ilusión a todos os recunchos do municipio.
Será este sábado cando as 70 personas que conforman as parellas de bailes e o acompañamento musical realicen o seu percorrido polas parroquias. Comezará a partir das 10:00 horas e durará ata as 19:00 horas, un periodo de tempo no que o desfile fará paradas programadas en diferentes espazos públicos para escenificar os seus bailes e facilitarlle así o goce do evento ás persoas maiores.
A partir das 19:00, os danzantes continuarán coa festa na carpa instalada en Riomaior e, ás 22:00 tomará a remuda a música con trío Tic Tac, América de Vigo e Dj Charlie.
Para facilitar a localización en tempo real das Madamas e Galáns, o Concello pon a disposición de todo o mundo un código QR ao que se accede desde a páxina web entroidodecobres.com.
As danzas de Cobres supón para Madamas e Galáns camiñar durante unha media de 8 horas diarias os 4 días de festa, desde o sábado ata o martes de Entroido, día grande da programación. Camiñan diariamente unha media de 15 quilómetros, portando os galáns uns sombreiros que rondan os 3 kilos de peso e os das madamas 7 kilos; peso que manteñen durante as paradas para bailar. Nesta ocasión serán arredor de 35 parellas de baile con idades que van desde os 5 aos 40 anos.
Unha vez chegan a carpa, as actuacións serán reforzadas polo grupo de veteranos, que nos últimos meses traballou no ensaio doutras danzas que complementen o programa.