A alquimia, tema central para a próxima edición da Feira Franca

Pontevedra
05 de xuño 2015

A Feira Franca xa ten tema central para a súa décimo sexta edición, que se celebrará os días 4 e 5 de setembro. Así o decidiu o Consello desta festa. Entenden que se trata dunha ciencia moi vinculada coa Idade Media e que permite abordar moitas vertentes polo que dará moito xogo para a organización de actividades e obradoiros tanto antes como despois da Feira Franca, así como nos días propios desta celebración

Feira Franca 2014
Feira Franca 2014 / PontevedraViva

A Feira Franca xa ten tema central para a súa próxima edición, a decimo sexta, que se celebrará os días 4 e 5 de setembro. Será a alquimia. Así o decidiu o Consello desta festa.

Entenden que se trata dunha ciencia moi vinculada coa Idade Media e que permite abordar moitas vertentes, polo que dará moito xogo para a organización de actividades e obradoiros tanto antes como despois da Feira Franca, así como nos días propios desta celebración.

Un dos motivos para escoller a alquimia, ademais, é aproveitar as sinerxías e as potencialidades que ofrece o Salón do Libro, que na súa última edición estivo dedicado á ciencia.

Todas as entidades que integran este Consello da Feira Franca mantiveron unha xuntanza este xoves para facer balance da anterior edición, consensuar a temática, e ir centrando as colaboracións e novas incorporacións.

Segundo explicou a concelleira de Festas, Carme da Silva, o balance da pasada edición foi bastante positivo, especialmente no relativo á ambientación e cumprimento da normativa por parte de todos os participantes na Feira Franca: as persoas que a título particular organizaron ceas ou xantares, a hostalería e tamén os vendedores do mercado medieval.

De todos os xeitos, acordaron manter os controis para que non se reduza a calidade da Feira Franca tanto na ambientación histórica como no cumprimento de todas as medidas de seguridade e emerxencia que permiten unha celebración festiva sen contratempos e na que participan miles de persoas.

HORARIOS DA OFICINA

Como en pasadas edicións, a oficina da Feira Franca abrirá as súas portas no edificio administrativo que o Concello ten na rúa Alfonso XIII (ao carón da Biblioteca pública) o vindeiro 15 de xuño e pechará o día 15 de xullo.

Dende o primeiro día, todas as persoas que o desexen poden presentar as súas solicitudes para participar nos xantares, ceas, no mercado ou na hostalería, dado que todas aquelas persoas que non soliciten participar non poderán instalarse no ámbito da Feira Franca durante esa fin de semana.

Arquivado en