A Alcaldía de Pontevedra publica o bando coas recomendacións ante a alerta sanitaria do coronavirus

Pontevedra
13 de marzo 2020

Recolle o peche das instalacións, o cese das actividades e a recomendación aos usuarios que empreguen a vía telemática para as xestións coa administración local.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, no seu despacho
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, no seu despacho / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asinou este venres un bando municipal coas medidas de prevención e loita contra o coronavirus.

No bando ordena a suspensión de todas as actividades organizadas polo Concello, a clausura dos centros sociocomunitarios, equipamentos culturais, centros deportivos de xestión directa municipal e parques infantís, e recomenda á cidadanía realizar as xestións coa administración local por vía telemática ou telefónica.

Ao mesmo tempo, o Concello elaborou esta mañá dous tipos de instrucións: unha con criterios organizativos do persoal e outra con criterios técnicos de prevención, ambas comunicadas aos técnicos de prevención e á Xunta de persoal, reunida na mañá deste venres.

O Concello tamén continuou coa instalación de medidas preventivas nas oficinas municipais e nas de atención ao público con máis cintas para respectar distancias, dispensadores con mestura hidroalcólica. Colocouse a cartelería externa en centros municipais, centros deportivos, parques e centros sociais.

 

BANDO DO ALCALDE POLO QUE SE ESTABLECEN MEDIDAS DE PREVENCIÓN E LOITA CONTRA O COVID-19

Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde do Concello de Pontevedra, en cumprimento do establecido no artigo 124.4.g) da Lei 7/1985, de 5 de abril, reguladora das bases do réxime local, FAGO SABER que en data 13 de marzo de 2020 ditouse o seguinte decreto do alcalde:

"Vistas as medidas urxentes no ámbito económico e para a protección da saúde pública e para responder ao impacto económico do COVID-19 e as recomendacións de saúde pública compre establecer como medida preventiva a clausura dos centros sociocomunitarios, centros deportivos de xestión directa municipal e parques infantís.

É competencia da alcaldía a adopción de medidas necesarias e adecuadas nos casos de extraordinaria e urxente necesidade polo que de conformidade co establecido no artigo 124.4.h da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora de bases de réxime local, DECRETO:

Primeiro.- Ordenar a suspensión de todas as actividades organizadas polo Concello de Pontevedra

Segundo.- Ordenar a clausura dos centros sociocomunitarios, equipamentos culturais, centros deportivos de xestión directa municipal e parques infantís no termo municipal por tempo indefinido mentres dure a situación e ata novo aviso

Terceiro.- Recoméndase a cidadanía que as xestións que deba realizar co Concello as realice por vía telefónica ou electrónica.

A atención ao público nas dependencias municipais limitarase só aos casos de extrema necesidade, chamando con anterioridade para verificar dita necesidade.

As consultas co concello realizaranse chamando aos teléfonos 986804300 e 986100185 ou no enderezo electrónico [email protected].

Así mesmo, os trámites efectuaranse a través da sede electrónica do concello https://sede.pontevedra.gal/.

Na porta do Concello e na páxina web oficial http://www.pontevedra.gal/ atoparase un directorio coas extensións e correos electrónicos dos distintos servizos e dependencias municipais.

Recomendase seguir as instrucións do Ministerio de Sanidade e da Consellería de Sanidade e no caso de ter algún síntoma contactar co 900400116.

Asi o decreta e ordena o Excmo Sr Alcalde, en Pontevedra, na data que consta na sinatura electrónica, dando fe do acto o Secretario da administración municipal”

 

O que se fai público para xeral coñecemento e se recorda que é de obrigado cumprimento.