O alcalde de Poio, Ángel Moldes, presentou este venres a iniciativa "O alcalde, máis preto de ti" que busca "fomentar o contacto directo coa veciñanza, trasladando a Alcaldía desde San Xoán a San Salvador, Campelo, Combarro, Samieira e Raxó".
Segundo explicou é un programa de participación cidadá que pretende achegar a administración local e a atención aos veciños de todas as parroquias.
"Como mínimo unha vez ao mes" desprazarase a espazos municipais en todas as parroquias "para achegar a Alcaldía e o concello á cidadanía".
O calendario de atención ao público fóra da Casa do Concello comeza o martes, 1 de outubro, no Pazo de Besada, en San Salvador, de 10.00 a 13.00 horas, e irase trasladando a Campelo, no local social, o luns 7 de outubro; á Escola do Campo de Combarro, o mércores 16; Espazo Municipal de Tarrío, en Samieira, o xoves 24; e ao Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, o mércores 30 de outubro.
"Queremos aproveitar a rede de locais municipais para ofrecer unha atención máis próxima. Espazos cómodos e accesibles pero, sobre todo, próximos a eles", engadiu.
Nesta liña, sinalou que "a proximidade é fundamental para poder atender e resolver con eficacia. Ben é certo que cada día percorremos as rúas, estamos con colectivos, atendemos aos veciños na Casa do Concello... Pero creo que é importante dar un paso máis para completar esta atención. E iso pasa por achegarme directamente ao cidadán ofrecéndolle un lugar próximo ao seu fogar onde poder falar, escoitar as súas propostas, atender as súas demandas", sinalou.
Ademais, incidiu en que este programa vai permitir fomentar a participación de todas as persoas ás que, polo motivo que sexa, lles resulta máis complicado achegarse ata a casa do Concello, principalmente ás persoas maiores ou aquelas que dependen de terceiros para poder desprazarse. "Veciños e veciñas que poden ter moito que dicir, opinar e propoñer. E non queremos que estas razóns supoñan unha barreira", engadiu Moldes.