A alcaldesa de Marín, en corentena familiar polo positivo dun dos seus fillos

Marín
21 de abril 2021

María Ramallo afirma que seguirá traballando desde o seu domicilio durante os vindeiros días á espera dos resultados de novas probas. O fillo deu resultado positivo nun test farmacéutico e a alcaldesa de Marín pide ás familias da vila que leven aos seus fillos a realizar estas probas de saliva

María Ramallo Vázquez
María Ramallo Vázquez / Mónica Patxot - Arquivo

María Ramallo, alcaldesa de Marín, emitiu un comunicado este mércores anunciando que a última hora da mañá recibiu o resultado do test de saliva para detectar asintomáticos dun dos seus dous fillos. A proba deu positivo e, por tanto, sométese ao protocolo de gardar corentena obrigatoria.

Segundo indica a máxima responsable do goberno municipal, toda a familia permanece sen síntomas e adoptando as medidas de precaución que son necesarios en casos de positivo por covid-19.

Ramallo afirma que seguirá traballando desde casa durante os vindeiro días, á espera dos resultados de novas probas. Manterase totalmente activa e coas ferramentas necesarias para seguir realizando a súa actividade á fronte do goberno local.

María Ramallo: "Seguirei traballando desde casa estes días á espera de seguir realizando probas"

A rexedora aproveita para insistir ás familias do municipio para que acudan e trasladen aos seus fillos para realizar o test de saliva ás farmacias da vila. Lembra que esta proba ofrece un diagnóstico rápido, cómodo e eficaz.

Apunta tamén que debido aos casos detectados nas franxas de idade xuvenís vai realizarse un cribado xeral en todos os centros educativos de Marín a través de probas PCR. 

Tamén incide en que as persoas con idades comprendidas entre os 50 e os 64 anos, citados na Raña, acudan para facerse as probas. E lamenta que na mesma mañá deste mércores só acudisen 360 persoas das 600 que citou o Servizo Galego de Saúde.

Marín pasará ás 00.00 horas deste venres para situarse nun nivel alto de restricións, por decisión do comité clínico. Desta forma, a hostalería só poderá permanecer aberta ata as 21.00 horas pero unicamente ofrecendo servizo nas terrazas cun máximo de capacidade do 50%. As reunións poderán ser dun máximo de seis persoas en exteriores.