A Alameda de Pontevedra dá o pistoletazo de saída ao Correlingua

Pontevedra
04 de maio 2022

Máis de douscentos nenas e nenos de centros educativos da comarca de Pontevedra participaron nesta actividade escolar pensada para promover o uso do galego entre os máis novos.

Xornada inaugural do Correlingua 2022 na Alameda de Pontevedra
Xornada inaugural do Correlingua 2022 na Alameda de Pontevedra / Mónica Patxot

Máis de douscentos nenas e nenos de centros educativos da comarca de Pontevedra reuníronse este mércores na Alameda de Pontevedra para participar na primeira xornada festiva do Correlingua 2022. Unha actividade escolar pensada para promover o uso do galego entre os máis novos.

Conducido pola actriz Isabel Risco e coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o acto alcanzou o seu punto álxido coa actuación do grupo Mekánika Rolling Band, unha electrocharanga que mestura o rock, o ska e o reggae; e que fixo mover o esqueleto tanto ao alumnado como ao profesorado que os acompañaban.

Antes do concerto desta banda gañadora do certame Cantalingua 2022, Isabel Risco encargouse de acender os ánimos dos presentes cunha amigable competición entre os integrantes dos centros educativos alí presentes. Poio, Xeve ou Monte Porreiro, entre outros, mediron a súa capacidade para alzar a voz á vez que a actriz ía dicindo o nome dos seus colexios.

"Fálame" é o lema desta edición. E o manifesto pronunciado pola artista coruñesa fixo fincapé en que "o galego é unha lingua que transmite unha cultura, a lingua da que veñen moitas das nosas familias, as palabras que fixeron medrar este lugar (...) Amar e respectar unha lingua é tan importante como respectar a quen nos rodea. Se temos tan preto o galego, por que non me falas? Fálame", proclamou Risco, nunha mensaxe que será repetido ao longo do mes en diferentes cidades de Galicia e que terá o seu acto central o 17 de maio para celebrar o Día dás Letras Galegas.