A Agrupación Veciñal de Ponte Caldelas (AVP) informou que a chamada do PSOE local para negociar un pacto de goberno xa foi respondida.
Polo de agora, os socialistas son a única forza política que se puxo en contacto con esta agrupación.
A reunión celebrouse o venres 29 de maio na sede do PSOE. Iniciouse as 10:00 e finalizou ás 12:30.
Dende AVP valoran estas dúas horas e media de encontro como "unha primeira reunión de toma de contacto" coa intención principal de formar goberno. E destacan que "despois de poñer enriba da mesa as propostas de ambas as dúas formacións políticas, as primeiras impresións son moi boas posto que son moitos os aspectos que compartimos e temos en común".
A Agrupación Veciñal de Ponte Caldelas informará as devanditas propostas á asemblea que se celebrará este sábado 30 de maio. Nesta debateranse e tomarán os acordos oportunos.
Os responsables desta formación independente sinalaron que "sen dúbida ningunha, estamos pendentes de futuras reunións para trasladar as decisións da asemblea e para seguir avanzando nas negociacións".
Pola súa banda, os membros do PSOE de Ponte Caldelas non ocultan a súa intención de desaloxar ao popular Perfecto Rodríguez da alcaldía, polo que traballarán con ese fin.