A agrupación industrial Viratec visita Sogama para coñecer as medidas de innovación ambiental na xestión de residuos urbanos

Pontevedra
22 de xuño 2022

O grupo, integrado por representantes de distintas entidades vinculadas ao medio ambiente, foi recibido polo presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, quen se encargou de explicar o salto tecnolóxico que os procesos industriais desta empresa pública experimentaron durante os últimos anos

Visita de representantes de distintas entidades adscritas a VIRATEC á planta de Sogama
Visita de representantes de distintas entidades adscritas a VIRATEC á planta de Sogama / Sogama

Representantes de distintas entidades adscritas a VIRATEC (Agrupación industrial Galega de Solucións Ambientais e Economía Circular) visitaron na mañá deste mércores 22 de xuño o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para tomar boa nota das medidas de innovación ambiental aplicadas por esta empresa pública e que a levaron a ser todo un referente, a nivel nacional e internacional, na xestión de residuos urbanos, erixíndose na planta das súas características máis moderna e eficiente de Europa, así como en punto de referencia para o resto do mundo.

O grupo, liderado pola Xerente de VIRATEC, Ana Botas, estaba conformado por destacadas empresas do tecido industrial e tecnolóxico galego. É o caso de Cetaqua, Insertega, Icoda, Norvento, Indrops Laboratorio, Vertex, Galicimplas, Cetim, Coregal, USC, Viaquia-AGBAR, TEN, Agroamb e GL Ecological Solutions.

A xornada arrincou cunha intervención do presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, quen explicou de forma pormenorizada o labor da Sociedade, así como o salto tecnolóxico que os seus procesos experimentaron nos últimos anos trala construción e posta en marcha da nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, que opera conforme aos canons da industria 4.0, e que permitiu incrementar a selección de materiais reciclables depositados polos cidadáns na bolsa negra para a súa remisión aos centros  recicladores; unha mellora que, sen dúbida, contribuirá a alcanzar os obxectivos de reciclaxe establecidos pola Unión Europea para os próximos anos.

Así mesmo, destacou a aplicación das últimas tecnoloxías dispoñibles nos sistemas de depuración de gases xerados na fase de valorización enerxética dos residuos non reciclables, garantindo desta forma unha operativa industrial respectuosa co medio ambiente e a saúde pública.

Neste sentido, aludiu ás emisións desta empresa pública, cuxos parámetros se atopan moi por baixo dos requisitos legais, á vez que lembrou que sobre as plantas de valorización enerxética recae unha estrita lexislación, moito máis rigorosa que a que rexe para outras infraestruturas industriais, extremo que esixe un minucioso control de todas as etapas do proceso.

GALICIA, PUNTO DE REFERENCIA NA XESTIÓN SOSTIBLE DOS RESIDUOS

Domínguez Lino mostrouse especialmente satisfeito co bo facer desta empresa pública no plano industrial, posibilitando que Galicia se teña convertido xa no espello no que se miran moitos países que aínda non resolveron a súa problemática de lixo, véndose abocados ao uso desmedido do vertedoiro, última opción na xestión xerarquizada de residuos estipulada por Europa debido ao seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde.

Igualmente, manifestou que Sogama, no marco da ampliación da capacidade do Complexo, que pasou de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, reduciu o depósito directo de refugallos en vertedoiro en máis dun 98% desde 2008, quedando este relegado a acoller aquela fracción que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente. Desta forma, cumprirá con moita antelación o requisito esixido polo Parlamento Europeo para 2035, ano no  que todos os Estados membros deberán alcanzar o vertido técnico cero (10%).

SOBRE  VIRATEC

VIRATEC nace coa firme vontade de ser unha organización aglutinadora e promotora de solucións no ámbito do medio ambiente, cambio climático e economía circular, contribuíndo ao logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 de Nacións Unidas.

O seu marco de referencia é o Pacto Verde Europeo, cuxos obxectivos se orientan a impulsar o uso eficiente dos materiais, abandonando o modelo de economía lineal, propio das malas prácticas de usar e tirar, e transitando cara a unha circular na que os residuos se converten en recursos.

O traballo da Agrupación industrial Galega de Solucións Ambientais e Economía Circularcéntrase fundamentalmente en xerar alianzas público-privadas que desenvolvan proxectos innovadores encamiñados cara a unha economía sostible,  descarbonizada, eficiente, xeradora de emprego verde e competitiva.