A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Pontevedra, durante este primeiro semestre de 2021, realizou un total de 8.311 intervencións a pacientes de cancro e familiares de 61 localidades de toda a provincia, delas 1.361 foron na capital.
Trátase de apoios aos pacientes en todas as etapas da enfermidade con todos os seus servizos gratuítos de atención psicolóxica, atención social, servizo de logopedia, asesoramento socio-laboral, acompañamento co voluntariado e talleres.
Co obxectivo de atender e acompañar a familiares e pacientes no final da súa vida, conta cun equipo especializado en atención psicosocial a persoas coa enfermidade avanzada (EAPS), formado por 4 profesionais en psicoloxía e un traballador social.
Ademais, este ano implementouse este servizo cun novo equipo de atención psicosocial nas zonas rurais (unha psicóloga e unha traballadora social) do norte da provincia, que viaxan para atender aos pacientes de cancro e familiares que viven máis afastados.
Os datos das intervencións do primeiro semestre da AECC Pontevedra na provincia desagréganse da seguinte maneira: o maior número de intervencións (4.743) concéntranse na área de atención psicolóxica: 2.990 intervencións foron de atención psicosocial a pacientes no final da súa vida e familiares e atención especializada en duelo, 1.668 atención psicolóxica a pacientes e familiares, 85 en deshabituación tabáquica.
Ademais houbo outras 1.540 intervencións de atención social: 1.117 información/orientación, 220 préstamo de material ortoprotésico (camas, cadeiras, andadores, etc), 114 axudas económicas, 61 inserción laboral, 28 alimentos.
A AECC tamén levou a cabo 1.372 intervencións de voluntariado: 907 de seguimento ao voluntariado, 47 apoio emocional ao voluntariado, 69 valoracións en domicilio, 392 acompañamentos telefónicos, 9 visitas en domicilios, 17 valoracións.
E, por último, desenvolvéronse 656 intervencións do Servizo de Logopedia a persoas con cancro de cabeza e/ou pescozo.
Todos os programas da asociación son gratuítos e conta cun número de teléfono de axuda 24 horas, os 365 días do ano (900 100 036) onde un equipo de persoas voluntarias e profesionais ofrecerán información, apoio, axuda ou asesoramento.