A AECC financiará unha investigación da UVigo para detectar o risco de cancro de colon no microbioma

Pontevedra
22 de novembro 2021

A Fundación Científica da Asociación Española Contra o Cancro apostou este 2021 na provincia de Pontevedra polo proxecto do investigador David Posada e o seu estudo xeral: "Análise do microbioma para o desenvolvemento de biomarcadores non invasivos para o cribado de cancro colorrectal"

Carlos Sahuquillo, Carmen Abeledo, Jorge Soto e David Posada
Carlos Sahuquillo, Carmen Abeledo, Jorge Soto e David Posada / AECC

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Pontevedra facía entrega das súas Axudas en Investigación 2021 nun acto celebrado na Casa das Campás este luns. En total foron catro axudas cunha dotación de 277.573,51 euros, outorgadas co obxectivo de continuar avanzando na investigación en cancro, apoiar aos pacientes e seguir aumentando a supervivencia en cancro.

Tres destas axudas destináronse a custear as Prácticas de Laboratorio en diferentes grupos dos investigadores Lara Álvarez e Silvia Avalle, da Universidade de Vigo, e Manuel Piñeiro, da Fundación Biomédica Galicia Sur que ten a súa sede no Hospital Álvaro Cunqueiro.

O proxecto que o investigador David Posada realiza na Universidade de Vigo, no que se busca desenvolver métodos non invasivos de detección precoz do risco de cancro de colon a través do estudo de determinadas bacterias no intestino, recibía a axuda principal de 273.973,51 euros.

Desde a Asociación lémbrase que "o presente da investigación en cancro pasa por atopar novos métodos de diagnóstico precoz e tratamentos e terapias eficaces que axudarán a aumentar a supervivencia e chegar ao 70% para o ano 2030".

A xornada contou tamén cunha mesa redonda onde participaron a Directora Xeral da Fundación Científica, Isabel Orbe; o doutor David Posada e a investigadora Mónica Martínez, especializada en inmunoterapia con apoio tamén da AECC e que así mesmo desenvolve un proxecto conxunto con David Posada sobre a biopsia líquida na detección precoz do cancro de pulmón.

Ademais dos relatores, no acto de presentación participaron tamén Carmen Abeledo, presidenta da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra; o vicepresidente da Asociación, Carlos Sahuquillo; Olga García, deputada de Cohesión Social da Deputación de Pontevedra; e Jorge Soto, Vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.

AS CLAVES DO MICROBIOMA

A Fundación Científica da AECC apostou este 2021 na provincia de Pontevedra polo proxecto do investigador David Posada e o seu estudo xeral: "Análise do microbioma para o desenvolvemento de biomarcadores non invasivos para o cribado de cancro colorrectal".

O estudo do doutor e catedrático da Universidade de Vigo ten por obxecto a procura de métodos co fin de predicir o risco de desenvolver cancro de colon. O propio investigador explica que se trata de "un proxecto de prevención", que ten como obxectivo central "tentar saber se o microbioma, o conxunto de bacterias e virus" presentes, neste caso, no colon, "pódennos axudar a predicir a posibilidade de que unha persoa vaia a desenvolver lesións como pólipos ou cancro colorrectal no futuro".

Posada explica que unha das metas do proxecto será desenvolver un test rápido e non invasivo para que, a maiores da detección do cancro de colon en feces a través da presenza de sangue, se poidan axustar máis os resultados a través da presenza de determinadas bacterias na mesma materia fecal.

Respecto da axuda concedida pola Asociación Española Contra o Cancro, Posada destaca que a recibe "con agradecemento e, sobre todo, con responsabilidade, porque detrás están todas as persoas que realizan doazóns desinteresadas á AECC".

CHAMAMENTO Á INVESTIGACIÓN

O testemuño de Loli Devesa, voluntaria da Asociación en Caldas de Reis, emocionou aos presentes relatando a loita da súa filla contra un tumor "raro" e a impotencia que sentiu cando os mesmos médicos non sabían como tratar a enfermidade. "Neses momentos é unha desesperación moi grande que che digan que non hai tratamento", relata.

"Eu estou aquí porque o único que pido é unha equidade en todos os tumores, todos por igual teñen dereito a tratamento e que non nos envorquemos nun nada máis", para que "os tumores raros teñan dereito polo menos a un tratamento", reclama Loli Devesa catro anos despois de perder á súa filla. "A miña filla xa non está pero estou eu aquí e onde faga falta para pedir máis investigación", finalizaba.