A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acudía no mediodía deste mércores á carpa de sensibilización ambiental 'Quilómetro Cero', situada na avenida de Montero Ríos. Trátase dunha iniciativa que se leva a cabo con motivo da axenda que desde a institución provincial ponse en marcha con motivo da Semana Global de Acción polo Clima.
Neste espazo atopábanse postos informativos sobre a prevención de control da acacia dealbata, unha especie invasora que está a afectar á provincia; outro sobre a avespa velutina, que continúa sendo unha das maiores preocupacións dos apicultores galegos nos últimos anos; ademais doutras dúas zonas para analizar as causas do abandono do rural e sobre o cultivo sustentable de froitos do bosque.
Carmela Silva agradeceu a colaboración de ASEFOGA, Asociación Sectorial Forestal Galega, da Asociacion De Desenvolvemento Rural Odega e de FEGAMA pola súa presenza e a súa loita pola defensa dos valores medio ambientais, alertando sobre a emerxencia climática e recomendando a agricultura ecolóxica ligada ao territorio e o consumo de produtos de proximidade.
A presidenta provincial aposta pola recuperación da castaña, como produto propio, ou a difusión da mazá galega que actualmente se remite a outros puntos para que elaboren sidra. Como símbolo entregáronse mazás ecolóxicas aos asistentes.
Na súa intervención, Silva fixo referencia a Greta Thunberg, a activista sueca de 16 anos, que dixo "basta xa" na ONU. A presidenta lamentou que a estean criticando cando todo o que a moza defende "é verdade".