A activista afgá Nadia Ghulam leva ao cárcere da Lama a súa historia de superación

A Lama
21 de marzo 2022

O Centro Penitenciario da Lama acolleu este luns a visita da refuxiada afgá Nadia Ghulam. Da man da fundación Esplai, a activista polos dereitos humanos e pola cultura da paz narrou ás internas e internos da prisión pontevedresa a súa experiencia persoal de superación e liberación

Visita da refuxiada afgá Nadia Ghulam (no centro da imaxe) ao Centro Penal da Lama
Visita da refuxiada afgá Nadia Ghulam (no centro da imaxe) ao Centro Penal da Lama /

O Centro Penitenciario da Lama acolleu este luns a visita da refuxiada afgá Nadia Ghulam. Da man da fundación Esplai, a activista polos dereitos humanos e pola cultura da paz narrou ás internas e internos da prisión pontevedresa a súa experiencia persoal de superación e liberación.

Nadia Ghulam, que agora reside en Cataluña, contou os seus 21 anos de supervivencia nun país en guerra, Afganistán. Alí sufriu violencia e exclusión social por ser muller.

Na súa intervención, lembrou como con oito anos na súa casa caeu unha bomba na súa habitación e permaneceu dous meses en coma e outros dous anos de recuperación en varios hospitais. Cando saíu do hospital, os talibáns xa ocuparan o poder. Deuse conta de que as mulleres non podían traballar nin vivir libremente, polo que optou por vestirse coa roupa do seu irmán, morto na guerra, para poder seguir educándose e vivindo como un home.

Con 21 anos chegou a España para o tratamento médico das súas feridas. "Cando cheguei suspendín toda a educación a pesar de chegar co bacharelato aprobado en Afganistán. Seguín sen poñerme límites e puiden superar o curso superior de integración social", explicaba Nadia Ghulam.

Con estes encontros, engadía, "espero axudar ás persoas que poidan atoparse, como eu o estiven, en momentos escuros. Que escoiten e vexan que, se eu puiden superar esas situacións difíciles, eles tamén poden".

A activista afgá escribiu varios libros onde narra a súa historia persoal e fundou a asociación Ponts per la Pau, coa que axuda a nenas e nenos de Cabul para que poidan ter unha oportunidade na vida a través do ensino e a educación.

Ao redor de 140 internos e internas do módulo mixto de respecto, a unidade terapéutica mixta e o módulo Nelson Mandela participaron no encontro.

Na charla tamén estiveron presentes a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, o presidente da Fundación Esplai, Enrique Arnanz, e a directora do Centro Penitenciario da Lama, Teresa Delgado.