A accesibilidade e protección dunar en Areas será mellorada cunha axuda do GALP

Sanxenxo
27 de decembro 2021

A subvención contempla, ademais, a adquisición de dous novos módulos de baños que se situarán nas praias de Pragueira e Foxos

Ondada na praia de Areas
Ondada na praia de Areas / PontevedraViva

Co obxectivo de continuar coa mellora e coidado dos espazos naturais, o Concello de Sanxenxo acaba de recibir unha subvención do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra (GALP) para o proxecto "Posta en valor e mellora de accesibilidade, protección dunar e obtención de servizos móbiles para u litoral de Sanxenxo" valorado en 86.297 euros

A axuda ascende a 64.759 euros e o Concello asumirá os 21.538 euros restantes con fondos propios. 

O proxecto contempla as melloras nos accesos actuais da praia de Areas acompañadas dunha acción de conservación e posta en valor do ecosistema dunar. Así, proxéctase a renovación duns 100 metros de pasarela de madeira que se atopa moi deteriorada por unha nova de piñeiro cunha anchura de 2,50 metros. 

O resto de pasarela presenta bo estado polo que se procederá á súa limpeza e a aplicación dun protector de madeira para a conservación da mesma. Trátase de mellorar os accesos xa consolidados e de dotar de seguridade e accesibilidade a zona de tránsito.

En canto á protección dunar, tamén está prevista a substitución do valado ao longo de 300 metros que se atopa en mal estado e non cumpre a función de barreira requirida. Os traballos inclúen a retirada de vexetación invasora da contorna e que está a desprazar as especies propias do ecosistema. 

Co obxectivo de profundar nunha maior concienciación do valor das dunas e a súa fraxilidade colocarase unha mesa interpretativa informativa.

Para este verán tamén está prevista a renovación de dous baños móbiles nas praias de Pragueira e Foxos. Cada módulo está dividido en tres habitáculos, un destinado a mulleres, outro a homes e outro para persoas con mobilidade reducida.

Todas estas actuacións inclúense dentro do proxecto e estarán operativas leste mesmo verán.