A Casa das Campás acolleu este xoves unha concorrida xornada informativa sobre a autovía A-57.
Nesta primeira cita, interveu o enxeñeiro técnico agrícola Ángel Bravo, autor do informe presentado por "Salvemos A Fracha" contra o estudo de impacto ambiental deste primeiro tramo da A-57.
Ángel Bravo centrou a súa exposición en argumentar que "a A-57 non é unha circunvalación, que non lle chamen así porque é mentira".
O enxeñeiro apoiouse en documentación oficial para explicar que o que se proxecta "é un corredor, sen entradas nin saídas e sen conectar ás parroquias polas que pasa".
Durante un animado coloquio que seguiu á súa exposición, Ángel Bravo cualificou de "irresponsabilidade" considerar unha partida económica nos presupostos "sen calendario nin prazos para os seguintes tramos", xa que a A-57 completa supón un trazado duns 64 quilómetros "e terá un custe estimado de mil millóns de euros".
O voceiro da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Carlos Morgade, fixo fincapé no impacto negativo que terá esta infraestrutura sobre o rural pontevedrés, non só a nivel ecolóxico ou danando traídas de auga, senón contra unha forma de vida e unha cultura do rural. E afondou na falta de respecto e o gran descoñecemento existente sobre o rural.