90 mulleres foron atendidas no Centro de Información á Muller de Sanxenxo nos primeiros dez meses do ano

Sanxenxo
15 de decembro 2023

A xuíza decana de Cambados, Luz María Fernández de Landa, e a enfermeira do PAC de Baltar, Catuxa Lagarón, incorporáronse este martes á Mesa Local de Violencia de Xénero de Sanxenxo onde se analizaron os datos sobre maltrato contra as mulleres no municipio

Mesa Local de Violencia de Xénero de Sanxenxo
Mesa Local de Violencia de Xénero de Sanxenxo

O municipio de Sanxenxo rexistraba no último ano o 2,2% dos 1.463 casos de violencia de xénero detectados na provincia, segundo os datos que a Subdelegación do Goberno trasladaba á Mesa Local de Violencia de Xénero de Sanxenxo, que celebraba este martes unha reunión, presidida polo alcalde Telmo Martín.

Segundo os datos facilitados, en ningún dos casos o maltratador ou a vítima son menores de idade

Nos datos do Centro de Información da Muller reflíctese que, de xaneiro a outubro deste 2023, atendéronse a 90 mulleres. Trátase principalmente de mulleres de entre 25 e 75 anos, con fillos menores ao seu cargo e con estudos medios altos.

O Concello de Sanxenxo presentaba tamén neste marco un protocolo de actuación para a derivación a aloxamentos locais de vítimas de violencia de xénero en casos excepcionais e de urxencia. O gasto será sufragado polas arcas municipais coa intención de garantir a protección da vítima en casos concretos.

Á Mesa Local incorporábanse, por primeira vez, Luz María Fernández de Landa, xuíza decana de Cambados e titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Cambados; ademais de Catuxa Lagarón, enfermeira do PAC de Baltar.

As dúas novas integrantes expuxeron os seus puntos de vista no ámbito xurídico e de atención sanitaria sobre casos de violencia de xénero. Durante a sesión acordábase incrementar a frecuencia da celebración destes foros para mellorar a coordinación entre os departamentos implicados na atención ás vítimas. A partir de agora terán unha periodicidade trimestral ou semestral.