María 'A das mil flores' ou tamén coñecida como María 'A Coxa" xa ten presenza nas rúas de Soutomaior. O acto conmemorativo do 8M en Soutomaior, que homenaxeu a esta veciña tan querida do municipio, incluíu a inauguración dunha placa no edificio no que vivía.
Finou no ano 1989, pero todos a recordan como unha muller comprometida e alegre, que sempre teceu comunidade en torno a súa casa, unha muller que rompeu estereotipos na súa época.
"Moito lle tería gustado esta homenaxe a ela", dicían este venres as súas amigas e veciñas.
A casa de María recibía o nome da "casa das mil flores" porque tiña moitísimas flores e era moi colorida e alegre coma ela.
A placa que recordará a partir de agora onde vivía foi realizada pola artista local Paula Pereira e nela pódese ler a inscrición: "Aquí viviu María, costureira e ilustre veciña de Arcade, que con fío e alegría uniu a veciñanza da vila en torno á Casa das Mil Flores".
María tamén cosía na súa casa, polo que este acto serviu tamén para reivindicar as mulleres costureiras, a súa aportación a vida laboral, ao mundo dos coidados, á creación de redes de sororidade entre mulleres e á nutrición das redes comunitarias.
Esta xornada do 8M en Soutomaior rematará co concerto de Caamaño & Ameixeiras no Multiusos de Arcade, ás oito da tarde, pero a programación continuará durante os próximos días con obradoiros ou a proxección do documental "Fíos fóra".
Durante a pasada noite, Soutomaior proxectou o documental "María a das mil flores", unha peza audiovisual, de Raquel Fernández e de Coral Piñeiro, que ilustra quen foi María e a importancia do seu legado, seguido dun concerto de Marcelo Dobode, Begoña Garrido e Olalla Lomba.
Ademais, celebrouse o faladoiro "Abrindo costuras", dirixido por Cristina García, directora-psicóloga do CIM e no que estiveron tres veciñas de Soutomaior vencelladas co mundo da costura: María Josefa Martínez Portela, Pilar Viceiro Filgueira e María Benita Pardal Barreiro.