O 8M de Pontevedra porá o foco nas "loitas pasadas" para reivindicar que "o feminismo mellora o mundo"

Pontevedra
26 de febreiro 2025
Actualizado: 13:49

O programa iníciase o 6 de marzo ás 12 horas despregando a pancarta na balconada da Casa Consistorial. O alumnado do Sánchez Canton lerá por primeira vez nun espazo público o manifesto do 8M

Anabel Gulías presentou a campaña do 8M 2025 en Pontevedra
Anabel Gulías presentou a campaña do 8M 2025 en Pontevedra / Mónica Patxot

As "loitas pasadas" do feminismo "fan que no presente teñamos outra mirada" sobre cuestións como, por exemplo, o caso Rubiales, que "non tería sido un escándalo, non tería estado na axenda mediática e sería simplemente unha anécdota" sen os debates previos sobre o consentimento ou sobre a importancia de poñer ás mulleres no centro do debate e falar sen ningún tipo de medo.

Partindo deste convencemento, desde o Concello de Pontevedra decidiron que este ano 2025 o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, será unha homenaxe a esas loitas do pasado e os seus logros

Así o deu a coñecer este mércores a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, que presentou a campaña do 8M reivindicando que a efeméride "ten que ser máis que un día en concreto", hai que traballar o feminismo os 365 días do ano

O lema que actuará como paraugas de toda a programación será 'O feminismo mellora o mundo. Tamén para ti', buscando render homenaxe a "todo o que significou o feminismo", todos eses logros do movemento feminista e de que maneira lograron mellorar a sociedade no seu conxunto, tamén para as persoas que "aínda non sendo feministas, estean na sociedade".

"Levamos reflexionando que o mellor sinónimo que hai para falar de igualdade é empregar a palabra feminismo", sinala Gulías, por iso buscan reivindicar "un feminismo con todas as letras, sen eufemismos, sen ningún tipo de ambaxes, simplemente dicir que é necesario poñer o feminismo no centro para discutir calquera política de igualdade".

Miran cara ao pasado, sen esquecer as loitas realizadas desde as sufraxistas a finais do século XIX e principios do XX ata a actualidade, e poñen o foco en "todo o movemento social que conseguiu non fai tanto dereitos para as mulleres". Porque, tal e como sostén Gulías, "se non fose pola loita organizada das mulleres e das persoas que lideraron o movemento feminista non teríamos hoxe os dereitos" .

É tamén unha campaña de "feminismo en presente", moi pegado á actualidade. Así, a responsable municipal de igualdade quere enviar unha mensaxe de optimismo porque "é certo que hai veces que entre nós, entre as mulleres, pode cundir o desánimo polo que estamos vivindo, por esta onda reaccionaria que nos invade", pero esas loitas pasadas cambiaron a mirada, e fan que "reaccionemos como colectivo todas as mulleres fronte a calquera agresión ou calquera retroceso".

O feminismo actual "significa máis xustiza, máis educación e significa futuro" e Anabel Gulías defende que para ter unha sociedade máis libre, "ten que haber máis feminismo".

Nesa reivindicación da loita feminista, Anabel Gulías tamén fixo un chamamento á participación nas mobilizacións do propio sábado 8 de marzo. Pola mañá convoca o sindicato CIG e pola tarde, o Colectivo Feminista de Pontevedra. Neste segundo caso, está previsto que a manifestación se celebre antes do tradicional enterro do Ravachol e, a pesar das festas do Entroido, a concelleira lembra que "é necesario encher as rúas de mulleres e feminismo".

O programa deste 2025 iníciase o 6 de marzo ás 12.00 horas despregando a pancarta na balconada da Casa Consistorial e lendo por primeira vez nun espazo público o manifesto do 8M. Igual que en 2025, o manifesto corre a cargo do alumnado do Instituto Sánchez Cantón. 

O mércores 12 de marzo celebrarase ás 11.30 horas a entrega dos premios Ernestina Otero 2024 no Teatro Principal. 

O venres 14 e o sábado 15 de marzo tamén o Teatro Principal acollerá unha nova edición doforo 'As Mulleres que Opinan son Perigosas'

O 2 de abril, ás 20.00 horas no Teatro Principal representarase último pase da obra de teatro Invisibles,  baseada no libro homónimo de Montse Fajardo, "un imprescindible do feminismo".

Tamén en abril empezarán obradoiros de igualdade, educación sexual e prevención de violencia machista en centros educativos para alumnado de primaria, secundaria, bacharelato e ciclos de formación profesional e sesións de contacontos para educación infantil e primaria. 

Dentro da filosofía do departamento de igualdade de reactivar os Consellos da Muller Nova como movemento "imprescindible" para marcar os desafíos e os novos retos que hai por diante, van promover nos institutos unha exposición que pretende revisar a arte desde o punto de vista do feminismo. Será baixo o lema 'De Eva a Maruxa' e previsiblemente inaugurarase en xuño no mercado de abastos.

Seguindo con ese recoñecemento do legado do feminismo, organizarán unha serie de faladoiros a partir do 26 de marzo sobre deporte, política e cultura