A Casa do Priorado de Arra acolleu este 8M, Día da Muller, un dos principais actos que impulsou o Concello de Sanxenxo para conmemorar esta efemérides.
Alí celebrouse un almorzo con coloquio coas Asociacións de Mulleres Rurais, ANPAS e mulleres de distintos colectivos do municipio.
Tras a lectura dun manifesto compartido entre as mulleres rurais, a psicóloga e escritora, Marta Martínez Novoa tomou a palabra para explicar a "síndrome" que dá título ao seu último libro Síndrome de la chica buena, co que se abriu unha quenda de intervencións do público.
O 8M en Sanxenxo incluíu tamén unha mesa redonda sobre igualdade no deporte, na que se entregarán recoñecementos a 24 clubs deportivos locais.
Participaron Patricia Curbelo, xogadora de Viaxes InterRías; Carlos Castro Barreiro, adestrador do AX Saraiba do Mar; Iris Romero, árbitra de fútbol; e Silvia Cancela, directiva da Real Federación Galega de Fútbol. A xornalista e presentadora María Solar moderou o debate.
Ademais, o Centro de Arte inaugurou unha exposición da alumna Silvia Otero, cuxa obra estará exposta durante todo o mes de marzo.
"Proxecto mulleres espidas" é unha mostra de espidos femininos, realizados a carbón, exaltando e dignificando a natureza e beleza do corpo feminino, en feminino.
O soporte en papel da obra móstrase intencionadamente engurrado para resaltar a natureza, a vida, o paso do tempo, a perspectiva en feminino de, dito coas súas propias palabras: "a perfección das cousas que non son perfectas, ou si".