Rosalía Outón, de Raxó; Elena Padín, de Samieira; Marina Buceta, de Combarro; Milagros Pérez, de San Xoán, e Peregrina Nores, de San Salvador. Son as cinco mulleres que son "orgullo e exemplo de Poio" e que foron homenaxeadas este 8M, Día da Muller.
Foi nun transcurso dun acto que se celebrou este venres. Todas elas, segundo o alcalde, Ángel Moldes, "ao seu modo, coas súas vivenzas, coas súas experiencias e loitas, contribuíron a facer Poio", sendo mulleres "inspiradoras" que contribúen a que a sociedade "avance en positivo”.
Durante o acto proxectouse o documental, elaborado polo xornalista Quique Morales, que recolle as testemuñas e pedazos das historias de vida das protagonistas.
Moldes fixo un chamamento a "reflexionar, defender e promover a igualdade os 365 días do ano", un traballo no que homes e mulleres deben colaborar "de xeito conxunto e sen fisuras", porque a igualdade "non exclúe a ninguén, ao contrario, nos involucra a todos".
CINCO HISTORIAS DE VIDA
Peregrina Nores Fernández pertence a unha familia "con mulleres empoderadas", na que xa a súa nai levaba a economía da casa. "E, quizais por iso, eu tamén a levaba despois na miña", asegura. Combinou os seus estudos cos traballos nos negocios dos seus pais.
Casou moza, con 16 anos, e doce meses despois nacía o primeiro dos tres fillos que ten. Ela quería ser mestra, pero finalmente foi vendedora porta a porta e traballou como limpadora ata que en 2004, esta muller que non coñece barreiras aprobou as oposicións de celadora.
Hai 35 anos, con 19, comezou a ir á marea Elena Padín Gomez. Antes xa traballara como limpadora e coidando nenos. Quería ser mestra ou camioneira, pero recoñece que "aínda que é un traballo duro, gústame".
Tamén casou moza, con 18 anos, e en canto tivo a oportunidade sacou o carné de conducir. "Sempre me gustou conducir, pero si había moito machismo que cuestionaba para que queríamos o carné. Tiñamos que estar dando explicacións continuamente", explicou.
Milagros Olga Pérez Santos fundou xunto co seu marido a fábrica de conservas Pescamar e, tras enviuvar, puxo por diante o futuro dos traballadores e decidiu seguir adiante e non pechar.
"Aprendín algo moi importante. Todos somos necesarios, pero ninguén imprescindible. Esto seguiu adiante", destacou esta muller, que a punto de cumprir os 88 anos continúa acudindo diariamente á oficina para saber o que pasa.
Sostivo que "á muller non se lle recoñece todo o que se debe. Iso aínda está por vir. Hai moitos homes que se consideran superiores, e iso non é verdade. Só ocorre que non deixaron ás mulleres subir".
Marina Buceta Alonso é mariscadora en Combarro e considera que "traballar ao aire libre é terapia, ademais da liberdade de ter un soldo e poder comprar as túas cousas sen depender de ninguén. Iso vale moito". Hai moitas mulleres, recordou, "que grazas ao marisqueo saíron de sitios moi malos".
Creceu nunha familia con moitos homes, "aínda que na casa eu non notaba diferencias cos meus irmáns, fóra da casa si que as aprecian". Como presidenta das mariscadoras, traballou coas súas compañeiras para defender os seus dereitos e dar visibilidade ao seu traballo.
Por último, recoñeceuse a Rosalía Outón Vázquez, veciña centenaria que xa suma 101 anos, e non por ter levado unha boa vida, porque traballou moito e desde moi moza.
Con 14 anos xa comezou na fábrica e, cando casou, o seu marido embarcou e ela ocupouse "de case todo": dos coidados dos seus fillos, da casa ou das terras. "Non valeu nada porque eran traballos na casa", rememorou.