O feminismo pontevedrés convida a cidadanía a participar na manifestación do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Nesta ocasión, a manifestación sairá dende a Praza 8 de Marzo ás 17:00 horas e rematará diante do Concello coa lectura dun manifesto.
Baixo o lema "Contra o fascismo, a precariedade e o capital. Feminismo para avanzar", as asociacións e os colectivos feministas unirán forzas para reivindicar un feminismo interseccional.
Entenden que xuntas deben facer fronte ao avance do fascismo, a precariedade laboral, a invisibilización dos coidados e a mercantilización de dereitos básicos como a vivenda.
Os colectivos convocantes chaman así á unión e á loita colectiva por unha sociedade xusta, igualitaria e libre de explotación, onde a dignidade e os dereitos das mulleres e diversidades sexan unha realidade.