O centro cultural Antonio Fraguas acolleu este 8M, Día da Muller, a homenaxe que o goberno municipal de Cerdedo-Cotobade quixo facer á traxectoria de cinco mulleres emprendedoras da vila, pioneiras á hora de compaxinar a dirección dun negocio con sacar adiante ás súas familias.
As mulleres homenaxeadas foron Marina Fontenla Enríquez, propietaria de Casa Conchi; Belen López Díaz, que rexentou un supermercado en Carballedo durante 32 anos; Josefa Fraguas, que foi dona dun bar en Caroi; Carmen Troitiño, que tivo o coñecido bar O Comareiro, en Cerdedo; e Mar Ambroa, polos seus logros profesionais no sector da cadea mar-industria.
O acto, que foi presentado e onducido pola concelleira Maite Pichel, contou coa lectura dun poema de Rosalía a cargo da edila Galiza Aguete e coa lectura dun manifesto en nome da corporación municipal, que foi lido pola tenente de alcalde, Lourdes Ovelleiro.
Nel, Cerdedo-Cotobade reivindicou o papel da muller na sociedade actual e avogou pola eliminación das desigualdades, a discriminación e a violencia contra as mulleres como eixos fundamentais dunha sociedade avanza e democrática.
As homenaxeadas recibiron un ramo de flores e unha placa conmemorativa e a asociación Femupo, qe coordinou este evento, entregoulles unha lámina coa efixie de Nélida Piñón, unha escritora galaico-brasileira con fondas raícen no municipio de grandes conviccións feministas.
O alcalde, Jorge Cubela, salientou a importancia da unión política e institucional pola igualdade e rendeu homenaxe ás cinco mulleres como exemplo dunha xeración que afrontou con valentía a responsabilidade de liderar un proxecto emprendedor ao tempo que sacaba adiante ás súas familias.
O rexedor apostou por impulsar políticas tendentes a eliminar a fenda salarial entre homes e mulleres, rachar os teitos de cristal e favorecer o empoderamento feminino.
O acto de homenaxe rematou coa actuación da pianista Andrea García González.