8M | Bueu reivindica unha "igualdade real" entre homes e mulleres

Bueu
08 de marzo 2022

A edil de Igualdade, Ana Isabel Otero, foi a encargada de dar lectura á declaración institucional, que fai fincapé na necesidade de ofrecer unha "resposta coordinada" que integre a perspectiva de xénero como fío condutor no deseño de solucións "que contribúan a diminuír a crise económica e social que prexudica claramente ás mulleres"

Concentración feminista en Bueu polo 8M
Concentración feminista en Bueu polo 8M /

A Praza do Concello de Bueu acolleu este martes 8 de marzo, Día Internacional da Muller, unha concentración feminista impulsada polo goberno municipal para reivindicar unha "igualdade real" entre os homes e as mulleres.

A edil de Igualdade, Ana Isabel Otero, foi a encargada de dar lectura á declaración institucional, que fai fincapé na necesidade de ofrecer unha "resposta coordinada" que integre a perspectiva de xénero como fío condutor no deseño de solucións "que contribúan a diminuír a crise económica e social que prexudica claramente ás mulleres".

Bueu manifestou ademais a súa preocupación polo aumento da fenda de xénero por mor da destrución e altas taxas de emprego temporal nas mulleres e incidiu na urxencia de destinar máis recursos xudiciais, asistenciais e económicos para erradicar as desigualdades.

No marco desta concentración, un grupo de mulleres integrantes da Asociación para Persoas con Discapacidade Juan XXIII de Cangas deu lectura a un manifesto no que apelaron á necesidade de "alzar a voz polos dereitos das mulleres con discapacidade".

A principal petición deste colectivo é que se dispoñan máis empregos e traballos dignos, se garanta o acceso aos servizos de saúde sexual e reprodutiva e se cumpra co Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Con motivo do 8M, o Concello tamén difundiu na súa canle de YouTube unha nova "cápsula de igualdade".

Nela, Eva Aguayo Lorenzo, profesora de Economía Cuantitativa da USC, e Nélida Lamelas Castellanos, experta en Economía Aplicada da USC, analizan en clave feminista conceptos como "división sexual de traballo", "modelo de familia nuclear", "teito de cristal", "chan pegañento" ou "segregación horizontal e vertical".