Cunha homenaxe á Asociación de Mulleres Rurais, colectivo que celebra trinta anos de vida, o Concello de Bueu conmemorou este 8M, Día da Muller, no que desde o municipio reclamaron que a igualdade real entre homes e mulleres "deixe de ser un espellismo".
No acto participaron o alcalde e concelleiras e concelleiros da corporación municipal, ademais das propias integrantes deste colectivo de mulleres, que recibiron un cadro artístico elaborado pola Asociación Juan XXIII de Cangas.
Ascensión Riobó, presidenta da asociación, salientou que "fixemos de todo, aprendemos moito e sobre todo compartimos tempo", promovendo cursos de todo tipo, festas ou actividades "que nos animan" como obradoiros de autoestima, de emocións ou de teatro.
O alcalde, Félix Juncal, subliñou o traballo que este colectivo impulsa "de forma discreta" e asegurou que representa "ás nais e avoas que tanto fixeron por nós".
Antes desta recepción, catro alumnas do IES Johan Carballeira leron o manifesto elaborado para este 8M, centrado nesta ocasión na reivindicación dos dereitos laborais das traballadoras.
Nas súas intervencións, incidiron en que este día sexa unha homenaxe para todas aquelas mulleres "que loitaron e loitan día a día por alcanzar unha realidade na que todas as persoas gocemos dos mesmos dereitos e oportunidades", formando unha sociedade "xusta e equitativa".
"Hai que promover a igualdade os 365 días do ano, para que deixe de ser un espellismo e, nun futuro próximo, a igualdade entre mulleres e homes sexa unha realidade", sentenciaron.
As actividades conmemorativas desta data estenderanse todo o día, entre outras, cunha mesa violeta no centro de saúde de Bueu ou a terceira edición do Paseo da Muller, organizado pola Asociación Galaicas, que inclúe unha andaina de dous quilómetros ou sesións de zumba.
Xa pola noite, coa colaboración do Cineclub Bueu, proxectarase a película "A número un", que conta a historia dunha brillante enxeñeira que loita contra os atrancos dunha esfera de poder dominada polos homes.