8M | A CIG reclama "un modelo social máis xusto e facernos iguais en dereitos"

Pontevedra
08 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Como cada 8 de marzo, un nutrido grupo de personas convocadas pola CIG percorreron durante a mañá deste venres as principais rúas de Pontevedra. "Saímos a reivindicar que a fenda salarial segue incrementándose. Rompeuse a tendencia dos últimos anos, pero as mulleres cobramos sobre 4.500 euros menos ao ano"

Concentración da CIG polo 8 de marzo en Pontevedra / Mónica Patxot

Como cada 8 de marzo, a CIG convocou a un nutrido grupo de persoas, fundamentalmente mulleres, para percorrer durante a mañá deste venres as principais rúas de Pontevedra.

"Saímos a reivindicar que a fenda salarial segue incrementándose", indicou a responsable da muller na comarca de Pontevedra, Diana Rodríguez. "Rompeuse a tendencia dos últimos anos, pero as mulleres cobramos sobre 4.500 euros menos ao ano e as pensións das mulleres galegas son as máis baixas do estado español", cobrando un case 34% menos das dos homes, o que supón 421 euros menos ao mes.

Esta situación ven dada, segundo Rodríguez, pola última reforma laboral, que afecta principalmente as mulleres. "Parece que houbo un retroceso", lamentou, "somos as que sufrimos máis precariedade e somos as que temos máis contratos parciais (un 75,9%)", argumentou. Ademais, "a nova figura dos contratos fixos discontinuos estase extendendo a todos os sectores. É un contrato que as empresas están utilizando moitas veces en fraude de lei para evitar os contratos indefinidos en todo o ano".

Pola súa banda, Silvia, delegada da CIG na empresa Bandalux, expuxo que o día 8 de marzo é un día de loita para as traballadoras "para conseguir un modelo social máis xusto e facernos iguais en dereitos. Queremos salarios que nos permitan acceso á alimentación, á vivenda, á enerxía... Queremos que os coidados sexan compartidos e non pesen como louxas nos nosos hombros", indicou.

A delegada da CIG mostrou a súa preocupación precisamente polos coidados das persoas dependentes e reclamou á administración que "proporcione servizos públicos de carácter universal e ao alcance de todas as persoas independentemente da súa renda". A situación de precariedade laboral "perséguenos durante a nosa vida adulta, o noso traballo está menos valorado que o dos compañeiros".

Arquivado en