8M | A CIG defende na rúa que as mulleres non paguen as consecuencias da crise

Pontevedra
08 de marzo 2023

Cecilia Tarela, representante da CIG, encabezaba a marcha que este 8 de marzo percorría o centro da cidade ao mediodía lembrando que as mulleres seguen estando discriminadas laboralmente cunha notable diferenza salarial respecto aos homes. Indica que tanto a reforma laboral como a próxima reforma das pensións afectan negativamente ás mulleres traballadoras

Manifestación con motivo do 8M da CIG / PontevedraViva

Un notable grupo de mulleres percorría durante o mediodía deste mércores 8 de marzo as principais rúas de Pontevedra baixo o lema "a crise non a imos pagar as traballadoras" da CIG. 

Nesta ocasión, colectivos de estudantes sumábanse a esta marcha reivindicativa. Cecilia Tarela, portavoz da CIG, indicaba que as mulleres cobran 4.200 euros brutos anuais, de media, menos que os homes. 

Argumenta tamén que é necesario mostrar na rúa a oposición á reforma laboral polo dano que causa a aparición de contratos fixos descontinuos que ataca principalmente aos sectores feminizados: servizos, conserva e elaborados. 

Ademais, Tarela indica que a próxima reforma das pensións afectará principalmente as mulleres, que son as que reducen as xornadas ao encargarse con maior frecuencia dos coidados dos maiores e dos menores nas familias. Segundo expón, esa redución supón que ao longo da súa vida laboral, as mulleres coticen dez anos menos que os homes indicando que, actualmente, en Galicia 24.000 traballadoras cobran unha pensión non contributiva.

A esta situación de precariedade laboral hai que sumar situacións relacionadas coa violencia machista, acoso laboral e agresións sexuais polo feito de ser mulleres no ámbito do traballo. "Sobran os motivos", asegura Cecilia Tarela, para que a esta marcha tamén se somen mozas con dificultades para atopar os seus primeiros traballos e que, en ocasións, ven obrigados a emigrar.