Despois de dous anos nos que a covid-19 condicionou significativamente a vida académica, especialmente para o alumando sénior, o Programa Universitario para Maiores (PUM) arranca un novo curso coa ilusión e ledicia de recuperar a normalidade e poder retomar todas as actividades formativas e culturais.
En total, neste curso o PUM conta con 415 alumnos, dos cales 351 forman parte do ciclo intensivo universitario en Cultura e Sociedade, mentres que outros 64 xa superaron esta primeira etapa e cursan o ciclo integrado universitario superior sénior. Atendendo á distribución por campus, Vigo é o máis numeroso, con 232 estudantes sénior, seguido de Ourense con 94 e 89 en Pontevedra.
O Programa para Maiores, que forma parte da oferta académica da Escola Aberta de Formación Permanente da Universidade de Vigo, está aberto a persoas de máis de 55 anos, conten ou non con estudos previos. O obxectivo é fomentar a formación ao longo da vida, de modo que a poboación sénior poida incorporarse á vida universitaria mediante programas de formación paralelos ás ensinanzas regradas e, mentres adquiren coñecementos, tamén se fomentan as relacións interxeracionais e se contribúe ao enriquecemento humano e cultural.
O programa completo comprende seis cursos divididos en dous ciclos: o intensivo, cunha carga docente de 60 créditos ECTS repartidos en catro cursos e o integrado, que consta doutros 36 créditos que se imparten ao longo de dous anos. No primeiro, a docencia está centrada na divulgación, análise e reflexión sobre aspectos de diferentes temas científico-culturais; a contorna natural, social, cultural e científica; a evolución e achegas da humanidade e a sociedade e a cultura actual e futura. Estes contidos teñen como obxectivo iniciar posibles orientacións temáticas con vistas á continuación de estudos no ciclo integrado e tamén se inclúen actividades complementarias que proporcionan formación práctica sobre aspectos concretos a través de obradoiros e que facilitan as relacións interpersoais, interxeracionais e interculturais. Neste ciclo están matriculados 74 estudantes no campus de Ourense, 72 en Pontevedra e 205 en Vigo.
Na segunda etapa formativa o alumnado fórmase cóbado con cóbado co resto do estudantado dos graos, co que comparten aulas, docentes e contidos, mergullándose así nunha verdadeira experiencia interxeracional. A este segundo ciclo pódese acceder cursando o inicial ou ben contando con estudo universitarios previos e nel fórmanse durante este curso 20 estudantes no campus de Ourense, 17 en Pontevedra e 27 en Vigo.