A asociación ecoloxista Adega e o Proxecto Ríos anunciaron os resultados definitivos da XVII Limpeza Simultánea de Ríos levada a cabo este domingo. Foron, en total, máis de 70 as entidades involucradas que xuntaron 800 persoas e na que se recolleron case 8 toneladas de lixo.
Dende Adega agradeceron o traballo "a todas as persoas que calzaron as súas botas e Molláronse polo Ríos!".
Foi o caso en Pontevedra de Vaipolorío e a Fundación Juan XXIII que ocupáronse da limpeza do tramo urbano do río Gafos. En total foron trece persoas voluntarias as que traballaron arreo para retirar 45 quilos de lixo. No caso da limpeza do río Valdecorvos, encargáronse deste tramo os voluntarios do Centro Social A Pedreira, a asociación veciñal Altamira-San Antoniño, a Asociación de Nais e Pais do CEIP Vilaverde de Mourente, así como tamén Vaipolorio.
En Soutomaior, uns 50 veciños participaron na recollida de lixo nun tramo da ribeira do río Verdugo e Daión, e debido ao éxito da convocatoria, tamén se estendeu a contorna do Refuxio de Pescadores. Unha iniciativa na que se recolleron máis de 200 kilos de lixo.
PROXECTO RÍOS
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de educación e voluntariado ambiental que conta cunha gran traxectoria e implantación na nosa comunidade, sobre todo polo amplo voluntariado que logra reunir, ao redor de 6.000 persoas.
A través da ciencia cidadá, este proxecto fomenta a participación activa da sociedade na avaliación e protección destes ecosistemas vitais. Os voluntarios, equipados co material necesario e tras recibir a formación adecuada, realizan inspeccións periódicas para recompilar datos valiosos que permiten identificar os problemas que afectan os ríos e deseñar estratexias de conservación efectivas.
Ademais de contribuír á xeración de coñecemento científico, o voluntariado no Proxecto Ríos fomenta o sentido de pertenza á comunidade e promove un estilo de vida máis sostible. Ao traballar en equipo e en contacto directo coa natureza, os participantes desenvolven habilidades sociais e ambientais que lles permiten converterse en defensores dos ecosistemas fluviais e dun futuro máis sostible.
Esta iniciativa, que vai máis aló da simple recollida de datos, combina educación ambiental, ciencia cidadá e voluntariado para crear unha rede de persoas comprometidas coa conservación dos nosos ríos. Ao involucrar á sociedade en todos os niveis, o Proxecto Ríos tamén fomenta unha maior conciencia ambiental e unha maior participación cidadá na toma de decisións que afectan a nosa contorna.