Se ten 80 anos ou máis e non vive nunha residencia, pronto terá unha cita para vacinarse

Pontevedra
14 de outubro 2024

A Área Sanitaria prevé vacinar preto de 23.000 persoas de 80 e máis anos que serán citadas en centros de cabeceira de atención primaria

Unha persoa recibindo a vacina
Unha persoa recibindo a vacina / Xunta de Galicia

Novos grupos de risco incorpóranse desde este luns á campaña de vacinación anual fronte á gripe e a covid, por exemplo o das persoas de 80 e máis anos que non vive en residencias.

Hai unha 'poboación diana' de 22.458 pacientes nesta Área Sanitaria.

Este colectivo de maiores poderá vacinarse no centro de cabeceira de Atención Primaria que lle corresponda segundo o seu centro de saúde habitual. Non terán que pedir cita, xa que están a recibir unha mensaxe SMS no teléfono móbil coa data, hora e centro de referencia da súa zona.

A Área Sanitaria ten establecidos 15 centros. No distrito de Pontevedra son: A Parda, Virxe Peregrina e Lérez, na capital pontevedresa; Caldas, Marín, Sanxenxo, Poio-Anafáns, Cerdedo, Vilaboa, Bueu, O Grove e Ponte Caldelas. E no Salnés: San Roque en Vilagarcía de Arousa, Cambados e Vilanova.

Nesta fase da inmunización tamén se suman os doentes en situación de inmunosupresión, que neste caso vacinaranse nos centros hospitalarios, de luns a venres en horario de mañá.

En Pontevedra, onde se calculan 629 pacientes de risco, terán que achegarse ata o Hospital Montecelo, onde o punto de vacinación estará na zona de extraccións do andar -1 (no da entrada principal), e no Hospital Público do Salnés -589 pacientes-, estará no salón de actos. A estes enfermos se lles cita por teléfono de xeito individual.

Así mesmo, o calendario da campaña incorpora dende hoxe o persoal que traballa nos centros sanitarios, tanto públicos como privados, nas oficinas de farmacia e nos servizos de emerxencias sanitarias.

No caso do persoal dos centros de saúde, a vacinación realizarase polos equipos de enfermería dos centros de Atención Primaria, coma no caso das persoas de 80 e máis anos. En canto ós traballadores dos hospitais, os servizos de Medicina Preventiva de cada distrito serán os responsables da dobre inmunización nos puntos habituais dos Hospitais Montecelo e Provincial e do Hospital Público do Salnés.