72 persoas traballarán no dispositivo de limpeza durante a Festa da Auga

O Salnés
15 de agosto 2024

As tarefas de limpeza que realizará a empresa concesionaria do servizo, Urbaser, comezarán este venres 16 ás 07.00 horas e prolongaranse ata as 4 da madrugada do día 17. As celebracións comezarán ao mediodía

Equipos de limpeza de Urbaser
Equipos de limpeza de Urbaser

Con motivo da celebración da multitudinaria Festa da Auga, enmarcada nas Festas de San Roque, o Concello de Vilagarcía de Arousa activará un dispositivo especial de limpeza para asegurar que a vila permaneza en óptimas condicións durante e despois dos eventos.

A empresa Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo na localidade, mobilizará un equipo de 72 persoas e un parque móbil diversificado, que traballarán intensamente en tres quendas ao longo do día 16 de agosto e parte do 17.

As tarefas de limpeza comezarán o día 16 ás 07.00 horas e prolongaranse ata as 4 da madrugada do día 17.

O operativo estruturarase en tres quendas, para tentar realizar unha cobertura continua e eficaz en toda a cidade.

Na primeira quenda, que se desenvolverá entre as 7:00 e as 15:00 horas, o equipo centrarase na limpeza da praia da Concha-Compostela, o paseo marítimo, a zona TIR e as áreas contiguas.

Tamén se realizará unha recollida de lixo xeral, cubrindo tanto residuos sólidos como envases lixeiros, papel e cartón.

A quenda de tarde, programada entre as 15:00 e as 20:00 horas, enfocará os seus esforzos nos Parques Miguel Hernández e Centenario, así como na limpeza do centro urbano, con especial atención á zona húmida pola que discorrerá a procesión relixiosa.

Finalmente, a quenda de noite prolongarase dende as 23:00 horas ata as 4:00 da madrugada, cunha operación de recollida de lixo centrada na fracción de resto (contedor verde) en toda a área urbana e rural.

Durante esta xornada, a recollida de lixo nas rúas do centro triplicarase, con paso frecuente dos camións en cada quenda para evitar a acumulación de residuos.

O parque móbil empregado incluirá camións colectores, varredoras, camións cisterna, vehículos lixeiros e lavabeirarrúas, asegurando unha limpeza exhaustiva en todas as zonas afectadas pola celebración.

A Festa da Auga dará comezo ás 12:00 horas na zona húmida, tras o traslado da imaxe de San Roque dende a Praza de España ata a capela de San Roque, un evento que estará acompañado pola Banda de Música de Vilagarcía e o equipo de rugbi local.

Para garantir a seguridade dos asistentes, o Concello habilitará un Punto de Atención de Primeiros Auxilios na Praza da Peixería, que estará operativo entre as 11:00 e as 15:00 horas.

Con este dispositivo, Vilagarcía de Arousa prepárase para recibir a miles de visitantes e veciños nun dos eventos máis esperados do ano, asegurando que todos poidan gozar da festa nunha contorna limpa e segura.