72 pacientes diagnosticados por coronavirus permanecen ingresados na área sanitaria

Pontevedra
05 de febreiro 2022

49 enfermos están ingresados en planta do Hospital Montecelo, un máis que o venres; 14 no Hospital do Salnés e 3 no Hospital Quirón Salud de Pontevedra. Ademais, seis pacientes con covid-19 permanecen na Unidade de Coidados Críticos no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Baixa o número de casos activos na área sanitaria para situarse en 6.289 positivos, 215 menos que o día 4

Datos covid-19 na área sanitaria este sábado 5 de febreiro de 2022
Datos covid-19 na área sanitaria este sábado 5 de febreiro de 2022 / Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

Increméntase cun novo ingreso o número de persoas diagnosticadas por covid-19 hospitalizadas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, este sábado 5 de febreiro atópanse 72 pacientes ingresados por esta enfermidade.

49 enfermos atópanse internados en planta de hospitalización do Hospital Montecelo, un máis que o venres; 14 no Hospital  do Salnés; 3 no Hospital  Quirón Saúde. Ademais, continúan ingresados na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo seis pacientes con covid.

Nesta xornada, o Sergas indica que hai un total de 6.289 casos activos na área sanitaria, 215 menos que o venres 4. Deste total, 6.217 recupéranse nos seus domicilios.

No Concello de Pontevedra rexístranse este sábado 1.966 casos positivos, 47 menos que o venres.

Durante as últimas 24 horas realizáronse 670 probas diagnósticas na área, con resultado de 530 novos casos detectados. O número de falecementos é de 246 pacientes desde o inicio da pandemia e curáronse 45.385 persoas, 740 máis que na xornada de onte.

DATOS EN GALICIA

O dato máis rechamante en Galicia durante esta xornada é que se rexistraron 4.912 positivos novos de covid-19 nas últimas 24 horas. Trátase de 105 contaxios diarios máis respecto a a xornada do venres e 696 menos en relación aos datos ofrecidos no último sábado de xaneiro, hai unha semana.

Baixa o número de casos activos en Galicia para situarse nunha cifra de 60.307 enfermos, 1834 menos que onte. Estes casos repártense da seguinte forma por áreas sanitarias: Vigo: 15.724 (-575); A Coruña-Cee: 12.935 (-517); Santiago-O Barbanza: 10.398 (-113); Pontevedra-O Salnés: 6.289 (-215); Lugo: 6.217 (-212); Ourense: 5.915 (-113); e Ferrol: 2.829 (-89).

O número de falecidos rexistrados nas últimas horas é de 8 pacientes, que superaban os 78 anos, elevando o número de decesos en Galicia desde o inicio da pandemia a 2.969 persoas.

Na comunidade autónoma, este sábado rexístrase un total de 643 persoas hospitalizadas en planta, 25 menos que o venres, pero con 44 internos nas unidades de Coidados Críticos, tres casos máis que na xornada do venres 4.