668 habitantes, con idades entre 20 e 39 anos, citados no pavillón de Tenorio para un cribado

Cerdedo-Cotobade
11 de maio 2021

A Consellería de Sanidade efectuará durante a mañá deste mércores 12 dous cribados entre as comunidades educativas e escolares dos CEIP San Xoan Bautista e CEIP Carballedo a preto de 150 persoas. A partir das 15.30 horas está convocada a poboación con idades entre 20 e 39 anos para detectar pacientes asintomáticos

Cribado para detectar asintomáticos
Cribado para detectar asintomáticos / Mónica Patxot

Este mércores 12 de maio, o Concello de Cerdedo-Cotobade acolle novos cribados poboacionais con PCR co obxectivo de detectar portadores  asintomáticos, para reducir o número de contaxios na contorna deste municipio.

Os cribados voluntarios realizaranse a partir das 15.30 horas no pavillón de Tenorio. Finalizarán ao longo da mesma xornada. Están convocadas 668 persoas residentes, con idades comprendidas entre os 20 e os 39 anos. Ata este espazo desprazaranse tres equipos de enfermería, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización das tomas de mostras e información aos usuarios.

Durante a mañá deste mércores tamén está prevista a realización de dous cribados entre as comunidades educativas e escolares dos CEIP San Xoan Bautista e do CEIP Carballedo onde se someterán ás probas 60 persoas no primeiro centro e 89 no segundo.

O servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra será o encargado de procesar estas mostras e os resultados serán comunicados por SMS, sempre que resulten negativos. En caso de ofrecer un resultado positivo, estas notificacións realizaranse de maneira individual.