66.000 euros de investimento en Cuntis na mellora do camiño entre Noval e Santa María

Umia
05 de decembro 2024

Para evitar acumulacións de auga en períodos de fortes choivas, o proxecto contempla a instalación dun entubado de PVC

Operarios arrranxan o Camiño de Noval en Cuntis
Operarios arrranxan o Camiño de Noval en Cuntis / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis está a executar importantes obras de mellora no vial que conecta a estrada PO-220 con Noval, na parroquia de Santa María.

A intervención abrangue máis de 900 metros de lonxitude e conta cun orzamento de 66.601 euros.

O proxecto, que está a ser realizado pola empresa Covsa, céntrase principalmente na dotación dunha nova capa de rodadura de asfalto en quente, tras atoparse o pavimento nun estado moi deteriorado polo tránsito de vehículos.

A intervención inclúe tamén a limpeza de beiravías e, en determinadas zonas de curvas, a habilitación dunha lateral de formigón sostible e transitable.

Para evitar acumulacións de auga en períodos de fortes choivas, o proxecto contempla ademais a instalación dun entubado de PVC SN-8 corrugada de dobre parede.

A actuación, segundo destaca o alcalde Manuel Campos, "presta un servizo moi importante ao dar acceso a un gran número de fincas".

A obra está financiada a través do Plan de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), con fondos europeos distribuídos en dúas anualidades (2024 e 2025).

Esta obra súmase aos traballos periódicos de limpeza e reparación de camiños que, segundo indican desde o Concello, realizan os operarios municipais ao longo de todo o ano.