66.000 euros do Plan +Provincia permitirán mellorar Costa de Arriba

Poio
28 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Concello de Poio anuncia que se completará a rede de abastecemento e pluviais nunha estrada municipal, situada en Combarro, que permanecía moi deteriorada

Ángel Moldes na rúa Costa de Arriba en Combarro
Ángel Moldes na rúa Costa de Arriba en Combarro / Concello de Poio

O Concello de Poio destinará 65.616 euros procedentes do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra para realizar unha intervención na que se mellorará o firme da rúa Costa de Arriba, en Combarro.

A actuación tamén permitirá mejorr os servizos básicos da rede de abastecemento e de pluviais neste punto da parroquia, que conta na actualidade, exclusivamente, con saneamento municipal.

Ángel Moldes, alcalde de Poio, recoñece que actuar nesta vía municipal é algo "prioritario" e son traballos reclamados desde hai anos pola veciñanza.

A calzada permanecía moi deteriorada e estábanse resolvendo as fochancas con parches que, segundo o alcalde, non garantían a seguridade na circulación. 

O rexedor indica que este ano aposta por priorizar no plan provincial aqueles investimentos que permitan solucionar problemas e necesidades que levan esperando desde hai anos.

Desde o goberno local lémbrase que tamén se instalará, a través dos fondos do Plan +Provincia, alumeado público na Rúa do Adro e Travesía Porteliña, en San Salvador, parroquia na que tamén se acometerá a mellora da calzada no Camiño do Cemiterio e a travesía Poio de Arriba, en Encoirados.