65.000 euros modernizarán o campo de Salgueirón

Soutomaior
19 de marzo 2025

As melloras inclúen novo sistema de rego, alumeado, asfaltado do acceso e aerotermia para reducir o consumo enerxético nas instalacións que utilizan centos de deportistas cada semana

Campo de fútbol de Salgueirón en Soutomaior
Campo de fútbol de Salgueirón en Soutomaior / Concello de Soutomaior

O campo municipal de fútbol de Salgueirón, en Soutomaior, está a experimentar unha importante transformación grazas a unha serie de investimentos que suman máis de 65.000 euros.

O Concello vén de finalizar a renovación do sistema de rego e do alumeado, ademais de realizar tarefas de mantemento xeral, cun investimento de 10.000 euros procedentes de fondos propios.

Nos vindeiros días completarase a reforma cun dos proxectos máis agardados: o asfaltado integral da zona de aparcadoiro e do acceso ás instalacións deportivas, unha actuación que conta cun orzamento de 20.000 euros, tamén con fondos municipais.

Estas intervencións súmanse á instalación, o pasado ano, dun moderno sistema de aerotermia que substituíu as antigas caldeiras de gasoil. Este cambio, financiado con 35.000 euros procedentes dunha subvención do Fondo de Cooperación Local, está a permitir unha notable redución no consumo de combustible e unha maior eficiencia enerxética.

"Estes investimentos teñen por obxectivo corrixir os problemas detectados polo Concello e os trasladados pola directiva do CD Arcade", explicou o alcalde Manu Lourenzo, quen destacou a importancia destas instalacións onde "cada día adestran centos de rapaces e rapazas e que reúne cada fin de semana a equipos e familiares de aquí e doutros concellos da contorna".

O rexedor adiantou que o goberno local continúa traballando para realizar máis melloras en Salgueirón e noutras instalacións deportivas municipais.

Segundo Lourenzo, estas actuacións son posibles grazas á "boa saúde económica" do Concello, que conta cun aforro próximo aos 2 millóns de euros e disporá en este 2025 de máis de 3 millóns para investimentos en obras e proxectos nos barrios do municipio.