O presidente da Deputación en funcións, César Mosquera, anunciou que tentará manter unha reunión durante a próxima semana con técnicos e responsables dos concellos da provincia co obxectivo de buscar solucións para evitar que se repita a proliferación de incendios a través da mellora do monte.
Mosquera sinalou que a proposta desde a Deputación de Pontevedra é desenvolver fórmulas de prevención, diversificación e ordenación dos montes da provincia. Para iso vanse a destinar inicialmente 600.000 euros de maneira inmediata. A iniciativa foi acordada durante a comisión do venres 12 na institución provincial.
A idea sería crear parques forestais coa plantación de especies resistentes ao lume, de maneira que dificulten que se espalle. Nesta iniciativa da Deputación terán cabida aqueles proxectos que aseguren unha xestión ordenada do monte e que conten cun compromiso de mantemento a longo prazo. César Mosquera apuntou que nos incendios destes últimos días arderon entre 2.700 e 3.000 hectáreas na provincia.
O deputado nacionalista destacou tamén o importante labor desenvolvido a petición da Xunta polos efectivos do Parque do Consorcio de Bombeiros durante esta vaga de lumes. Segundo Mosquera, traballaron ao límite da súa capacidade e mesmo os traballadores en descanso incorporáronse voluntariamente.