UXT e CCOO cren que "non hai escusas" para que os pontevedreses saian á rúa para manifestarse o próximo Primeiro de Maio. Polo menos hai 6.858 razóns, tantas como parados rexistra o municipio, para esixir unha repartición xusta da riqueza nun contexto de crecemento económico, para pedir a derrogación da reforma laboral e máis protección social.
Os secretarios comarcais destes sindicatos, José Ramón Piñeiro (Comisións Obreiras) e Ramón Vidal (UXT), explicaron este venres en rolda de prensa os motivos da convocatoria do próximo luns que viran ao redor da necesidade de conseguir "emprego digno e estable" algo que despois de tres anos nos que se recuperaron as taxas de crecemento económico "esta riqueza non chega aos traballadores".
De feito, hai en España 2,2 millóns de ocupados menos que en 2007; a taxa de paro é a segunda máis alta da Unión Europea; catro de cada dez desempregados leva máis de dous anos nesa situación; o noventa por cento dos contratos son temporais; persiste a brecha salarial entre homes e mulleres; as prestacións só cobren á metade dos desempregados, e as pensións teñen contías precarias.
"Non podemos consentir isto", insistiu José Ramón Piñeiro, quen reclamou, como o seu homólogo de UXT, a derrogación da reforma laboral, que cren que está na orixe da precariedade laboral.
Especial interese puxeron na necesidade de derrogar a reforma da negociación colectiva, "que desequilibrou as relacións laborais", aseguran, impulsando os convenios de empresa por encima dos provinciais ou estatais xa que os primeiros adoitan incluír peores condicións para os traballadores.
UXT e CCOO esixen de fronte ao Primeiro de Maio, ademais, a posta en marcha dunha vez da renda social básica.
Ambos os sindicatos convocaron manifestacións en Pontevedra para o vindeiro luns primeiro de maio con saída ás 12 da mañá da Praza da Ferrería e remate fronte á Subdelegación do Goberno.
"Non hai escusas. Emprego estable. Salarios xustos. Pensións dignas. Máis protección social. #alacalle" é o lema baixo en que se desenvolverán a manifestación.