575 euros por esnaquizar un bolardo de Santa Clara co coche

Pontevedra
07 de novembro 2024
Actualizado: 14:28

O goberno municipal, a través da edil responsable da área de seguridade cidadá, quixo divulgar esta sentenza contra un condutor ao considerala "exemplarizante"

Finalización das obras na rúa Santa Clara e Praza de José Martí
Finalización das obras na rúa Santa Clara e Praza de José Martí / Mónica Patxot

Até 575,40 euros tivo que pagar un condutor que, o pasado 20 de outubro, chocou co seu coche contra un dos bolardos metálicos instalados na rúa Santa Clara.

Fíxoo ao catro da madrugada, segundo recolle unha sentenza xudicial, en estado de embriaguez.

Esta persoa foi condenada por un delito contra a seguridade viaria e, ademais de pagar polos danos producidos no mobiliario urbano, impúxoselle unha multa de 480 euros.

A sanción complétase coa retirada do carné de conducir durante oito meses.

O goberno municipal, a través da edil responsable da área de seguridade cidadá, quixo divulgar esta sentenza ao considerala "exemplarizante".

Eva Vilaverde sostivo que, á hora de circular pola cidade, "hai que ter coidado" porque se poden rexistrar accidentes que teñan consecuencias ou que "saian caros".

Ademais, o Concello considera que este fallo servirá para que a cidadanía "teña claro" o que costa todo o mobiliario urbano que hai por toda a cidade.

O bolardo en cuestión estaba valorado en 575,40 euros, pero segundo Vilaverde "hainos máis caros" noutras zonas da Boa Vila.