50 caixas de roupa de abrigo do campus aos campos de refuxiados

Pontevedra
19 de xaneiro 2017

O campus de Pontevedra da Universidade de Vigo enviará a distintos campos de refuxiados de toda Europa roupa de abrigo e mantas. A campaña pensaba prolongarse durante unha semana, pero a solidariedade dos pontevedreses foi tal que en dous días recolléronse os quilos máximos de material que se podía enviar

Roupa de abrigo recollida para enviar aos campos de refuxiados de Grecia
Roupa de abrigo recollida para enviar aos campos de refuxiados de Grecia / Universidade de Vigo

O campus de Pontevedra da Universidade de Vigo enviará a distintos campos de refuxiados un total de 50 caixas de roupa de abrigo recollidas entre a comunidade escolar. A campaña pensaba prolongarse durante unha semana, pero a solidariedade dos pontevedreses foi tal que en dous días recolléronse os quilos máximos de material que se podía enviar.

A recollida realizouna a Comisión PEA-Unesco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte en colaboración coa ONG Families4peace no marco da campaña 'Abriga o teu corazón', segundo informa o Duvi da Universidade de Vigo.

No campus recolleuse roupa de abrigo de calquera talla e mantas e agora enviarase aos campos de refuxiados de Lesbos, Idomeni e Tesalonica, en Grecia e aos de Malta, Xordania e Siria, segundo indicou o profesor Jorge Soto, encargado da organización.

A difusión da campaña nas redes sociais por parte do profesor Jorge Soto e da propia Comisión PEA-Unesco provocou este xoves a chegada dunha avalancha de caixas con material que os colaboradores irán levando ata a facultade nos vindeiros días. Nas redes explicábase que "temos quen transporte o material e ás persoas responsables de facerllo chegar" e axudar "a seres humanos que morren de frío".

Nos vindeiros días procederase á organización e empaquetado en caixas de cartón de todas as prendas recollidas nos contedores dispostos na entrada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O material enviarase o vindeiro 25 de xaneiro a través da Fundación Seur, coa que colabora Families4peace, unha organización composta por voluntarios, a maioría docentes, que traballan en Lesbos "axudando a familias que escapan da barbarie da guerra nos seus países". 

Arquivado en