A Xunta de Goberno Local do Concello de Marín acordou adxudicar a Tecmodeco por 100.430 euros o contrato para a instalación do alumeado de Nadal.
O xoves 5 de decembro é o día elixido para acender o alumeado, que se estenderá polas rúas e prazas da vila, tratando de dotar a Marín do ambiente festivo típico desta época do ano.
Desde a Concellaría de Festas, explican que na licitación primáronse os criterios de sostibilidade, apostando pola implantación de novas tecnoloxías de menor consumo enerxético e alto valor estético, esixindo que o alumeado proposto estivera composto, cando menos, dun 80% de tecnoloxía LED.
No que respecta á estética, os elementos deberán ser modernos e harmónicos entre sí, tanto no seu despregue nas rúas e prazas como no ámbito cromático.
Á licitación presentáronse dúas empresas, sendo a de Tecmodeco a máis vantaxosa para os intereses municipais, segundo expuxo a Mesa de Contratación.
Ademais destas características técnicas e estéticas, tamén se regula todo o que ten que ver coa montaxe e desmonte das instalacións e o mantemento de todos os elementos durante a tempada de Nadal.