48 casos de violencia machista en Marín están activos no sistema VioXen da Policía Nacional

Marín
13 de novembro 2024
Actualizado: 10:50

21 casos dispoñen dun teléfono de atención e protección as 24 horas, segúndo indica o Concello de Marín, que tentará involucrar a cidadanía na erradicación da violencia de xénero con motivo dos actos do 25N

Comisaría da Policía Nacional de Marín
Comisaría da Policía Nacional de Marín / PontevedraViva

O Concello de Marín conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero o 25 de novembro cunha selección de actos que buscan implicar a toda a sociedade na erradicación desta lacra.

A declaración institucional, que se presentará no Pleno da Corporación, destaca a necesidade de acción conxunta para combater a violencia machista, lembrando que en España 39 mulleres e 10 menores foron asasinados por violencia de xénero e vicaria, respectivamente, durante este 2024.

Na actualidade, Marín conta con 48 casos activos no sistema VioXen da Policía Nacional, dos cales 21 dispoñen dun teléfono de atención e protección as 24 horas.

A declaración enfatiza o papel de cada sector da sociedade: os homes deben rexeitar modelos de masculinidade tóxica, mentres que o ámbito educativo e familiar debe fomentar unha educación emocional e igualitaria.

Os medios de comunicación tamén son chamados a protexer a identidade das vítimas e a centrar a atención nos agresores, mentres que os clubs deportivos deben promover valores igualitarios.

Especial atención recibe a mocidade, destacando a importancia de medidas preventivas ante riscos como o consumo temperán de substancias e a exposición á pornografía, así como a presión das redes sociais.

O Concello anunciará nos vindeiros días unha actividade dirixida a este público xuvenil, buscando conectar coa súa xeración.

No acto central do 25N, entregaranse os Premios Lazo Violeta 2024. Anibal Aguiar Villar, axente da Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) de Marín, será recoñecido polo seu compromiso coas vítimas de violencia de xénero.

Ademais, a Quenda de Garda Psicolóxica especializada de urxencia para mulleres e os seus fillos e fillas menores tamén será premiada polo seu labor esencial na atención e coordinación en situacións de violencia de xénero.