467 barcos de dez países recalaron en 2023 no porto de Sanxenxo

Sanxenxo
08 de xaneiro 2024

Os barcos con bandeira española (295) están á cabeza seguidos de Irlanda (32), Francia (29), Alemaña (28), Portugal (20), Suecia (11) e Reino Unido (10). Tamén chegaron embarcacións de países como Rusia, Eslovenia, Noruega, Países Baixos, Lituania, Italia, Finlandia, Estonia, Dinamarca, Chile, Suíza, Bélxica e Austria

Barcos atracados no porto deportivo de Sanxenxo
Barcos atracados no porto deportivo de Sanxenxo /

Un total de 467 embarcacións de ata dez países diferentes recalaron no porto Juan Carlos I durante o ano pasado. A cifra supón un lixeiro incremento, un 3,3%, respecto a 2022.

Os barcos con bandeira española (295) están á cabeza da listaxe seguidos de Irlanda (32), Francia (29), Alemaña (28), Portugal (20), Suecia (11) e Reino Unido (10).

Tamén chegaron embarcacións procedentes de países como Rusia, Eslovenia, Noruega, Países Baixos, Lituania, Italia, Finlandia, Estonia, Dinamarca, Chile, Suíza, Bélxica e Austria.

En canto ao tipo de barcos, os de vela seguen na cabeza, 312, seguidos dos de motor, 155

Ademais, as autoridades portuarias perciben un incremento na eslora das embarcacións que recalan no porto, xa que 157 tiñan ata 12 metros de eslora e 141, ata 15 metros.

A venda de combustible tamén rexistrou un repunte en 2023. A gasolineira do porto despachou 138.519 litros de gasolina e 175.035 de gasoil, case un 8% máis que o ano pasado.

A empresa municipal Nauta Sanxenxo que se encarga de xestionar o porto xa está a recibir petición de reservas para este ano, aínda que advirte de que a apertura destas solicitudes non se producirá ata febreiro.

Para dar cabida á súa demanda, o porto deportivo sanxenxino dispón dunha superficie concesional de 123.222 metros cadrados, cunha lámina de auga de 90.000 metros cadrados, 450 puntos de amarre e máis de 25.000 metros cadrados de espazo peonil.

A entidade acaba de ampliar a súa concesión ata 2047, vinculada a diferentes proxectos destinados a mellorar a fachada marítima, con ‘Batea en Terra’ como principal expoñente, coa súa primeira fase xa finalizada.