44 dos 61 concellos da provincia adheríronse a Rede Ágora da Deputación de Pontevedra "co compromiso de aumentar o espazo público para as persoas", informou o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos, Uxío Benítez.
Ágora é unha rede de acción institucional a prol de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía. Un dos seus fundamentos é que o espazo público forma parte substancial da vida das persoas como escenario natural da vida colectiva.
Os concellos que formen parte desta rede comprométense a realizar políticas de recuperación dos seus espazos públicos e a fomentar as mobilidades alternativas nos seus termos municipais. O obxectivo é que de aquí a xuño de 2023, os Concellos Ágora incrementen de forma substancial o espazo reservado para as persoas, itinerarios peonís e ciclabeis.
Uxío Benítez e a secretaria técnica da "Rede de Cidades que Camiñan", Ana Montalbán, compareceron este mércores en rolda de prensa para dar conta desta "grande acollida" da Rede Ágora. Uxío Benítez sinalou que "queremos que os números a xuño de 2023 amosen que a rede serviu de algo".
O deputado do BNG explicou que a esta iniciativa "adheríronse concellos de todo tipo" xa que "a filosofía pode implantarse en calquera deles, ata o máis pequeno"
O persoal técnico da Deputación de Pontevedra visitou uns 15 concellos que solicitaron asesoramento para "implantar políticas urxentes de recuperación de espazo público".