43 colectivos alertan do declive do marisqueo na ría de Arousa

O Salnés
23 de xuño 2023

Un plan de acción inmediato é o que esixen 43 colectivos ante o declive que está a vivir o sector marisqueiro na ría de Arousa que rexistrou unhas perdas de 14,1 millóns de euros no ano 2022

43 colectivos alertan do declive do marisqueo na ría de Arousa / PDRA

Un plan de acción inmediato é o que esixen 43 colectivos ante o declive que está a vivir o sector marisqueiro na ría de Arousa que rexistrou unhas perdas de 14,1 millóns de euros no ano 2022. 

Se se suma o resto de lonxas de Galicia as perdas elévanse ata os 25,7 millóns coa consecuente redución de máis da metade dos postos de traballo nos bancos marisqueiros desde 2001 ano no que Galicia contaba con 6.551 permex de mariscadoras, dos cales 2.621 pertencían á ría de Arousa 2.621. En 2022, en Galicia hai 3.614 permex (un 32% menos), dos cales 1.613 corresponden ás mariscadoras arousás.

Estes son os cálculos que fixo a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa seguindo os datos oficiais da Xunta de Galicia.

Xunto á Plataforma comparecían este xoves en rolda de prensa representantes de 43 colectivos de traballadores do mar, entre os que se atopan asociacións de produtores, confrarías e grupos ecoloxistas.

Segundo denunciaron, a produción de ameixas autóctonas na ría arousá reduciuse un 66% respecto á media do últimos vinte anos, en tanto que a de berberecho caeu un 25%.

Os colectivos ecoloxistas e de traballadores do mar tamén denuncian que en 2022 perdeuse a metade do valor da produción galega de ameixas respecto á media de 2002-21. Todo iso, "a pesar da tendencia alcista dos prezos nos últimos anos como consecuencia da escaseza de produto".

Os colectivos lembraron que levan moitos anos reclamando un maior apoio, atención e coidado á administración en relación aos seus "deberes legais e morais de protexer as rías" e, especialmente, no referente á necesidade de dedicar recursos humanos, económicos e tecnolóxicos para investigar e vixiar as condicións ambientais, as verteduras, a calidade da depuración das EDAR e a calidade das augas dos ríos que alimentan as rías.

Desde os sectores afectados solicítase a elaboración dun plan de rexeneración "urxente" dos bancos marisqueiros, cunha importante dotación económica, así como un estudo multidisciplinar que analice as causas "desta alarmante deterioración progresiva".

A PDRA entende que o abandono do mar xunto coas estadas legais para furtar dereitos ambientais e cidadáns son dúas caras dun mesmo obxectivo: "mudar o modelo produtivo sen que haxa un debate social sobre as consecuencias socioeconómicas e ambientais para o conxunto dos intereses maioritarios da sociedade galega".