O Concello de Poio anuncia que está a terminar a adaptación de dous espazos para crear aparcamentos disuasorios en parcelas situadas nas parroquias de San Salvador e de Samieira.
Segundo os cálculos do goberno local, espérase crear prazas para 400 vehículos. Actualmente estanse realizando as tarefas para adaptar estas zonas e agardan que antes da chegada do verán estes aparcamentos poidan xa estar dispoñibles para o seu uso.
O aparcamento de San Salvador sitúase nunha parcela de máis de 2.500 metros cadrados que se atopa entre o Camiño das Bocas e a Rúa Palestina. É un terreo de titularidade privada, cedido polo propietario tras negociar co goberno de Luciano Sobral. Durante estas semanas nivelouse o terreo e se delimitaba o peche. Prevese a instalación de luminarias nos próximos días. Neste aparcamento calcúlase que poderán ter cabida preto de 300 automóbiles.
Este espazo atópase moi preto do núcleo de Andurique e A Barca, coa posibilidade de ofrecer zona de aparcamento para usuarios do Instituto de Neuro-rehabilitación Quirónsalud ou o centro educativo A Galiza Azul. Nesta parroquia hai outras zonas de aparcadoiro na Praza Riestra e na contorna do parque de Ánkar. Representantes veciñais reclamaban a creación de novas áreas para estacionar.
En Samieira, o terreo para o estacionamento atópase nas proximidades da igrexa parroquial. Chelo Besada, tenente de alcalde, agradece o interese mostrado polo que foi párroco de Raxó e Samieira, Antonio Fernández, falecido hai uns meses, para facilitar a negociación para o uso público destes terreos que pertencen á Igrexa. Desde o Concello tamén se agradece a Miguel Ángel Martínez, presidente da Comisión de Festas de Samieira, a súa colaboración nestas negociacións.
O terreo foi mellorado coa aplicación de area e a habilitación do acceso ao espazo. O goberno local entende que poderán aparcar ao redor dun centenar de vehículos, que facilitarán o estacionamento para as persoas que acudan aos actos relixiosos evitando situacións de risco viario na PO-303.
A creación destes aparcamentos atopábase como un dos obxectivos do Plan de Mobilidade Sostible, que o goberno local aprobaba no 2019. Ademais, o goberno integrado polo BNG, PSdeG-PSOE e Avante Poio traballa na negociación doutras parcelas para ofrecer máis aparcamentos destas características en lugares como Combarro ou Campelo. A estas operacións súmase o investimento de 70.000 euros para comprar unha parcela situada nas proximidades do Centro de Saúde de Anafáns para ampliar a zona de aparcamento.