37 estudantes de 15 países completan o curso universitario no campus en Pontevedra

Pontevedra
31 de xaneiro 2024

México, con oito alumnos e alumnas, Portugal, con cinco, e a República Checa, con catro, encabezan a lista de 15 países dos que proceden os 37 estudantes internacionais que se formarán no campus pontevedrés o que resta de curso  

O campus de Pontevedra deu a benvida ao alumnado estranxeiro que acaba de chegar
O campus de Pontevedra deu a benvida ao alumnado estranxeiro que acaba de chegar / Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo recibe este curso 480 estudantes estranxeiros, destes un total de 37 estudantes de 15 países completan o curso no campus en Pontevedra.

México, con oito alumnos, Portugal, con cinco, e a República Checa, con catro, encabezan a lista de 15 países dos que proceden os 37 estudantes internacionais que se formarán no campus pontevedrés o que resta de curso. Deles, 31 incorpóranse este cuadrimestre e seis permanecen na cidade ao longo de todo o curso. 

Un ano máis, a Facultade de Comunicación é o centro con máis alumnado internacional, con 13 alumnos, seguida de Belas Artes, con dez, e Fisioterapia, con oito.

Neste cuadrimestre, tamén reciben alumnado estranxeiro as facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Dirección e Xestión Pública.

A Universidade de Vigo deu a benvida este mércores ao alumnado estranxeiro que acaba de chegar. En Pontevedra deulles a benvida a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, quen felicitou ao alumnado internacional por ter feito "unha elección estupenda, xa que estades nunha das mellores universidades a nivel nacional".

No acto celebrado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a vicerreitora desexoulles tamén que a súa estadía en Pontevedra lles servise tanto para “aprender moito” nas aulas como para "que gocedes da experiencia dun intercambio, que é moi importante para o desenvolvemento persoal".