350.000 euros da Deputación para humanizar Rosalía de Castro e a Praza de Cimadevila

Soutomaior
21 de outubro 2024

No pleno deste venres someterase a debate unha modificación de crédito para conceder ao Concello "os recursos que lle pertencen e que lle foran negados no 2021"

Silvia Cernadas, Luis Lopez, Manu Lourenzo e Javier Bas
Silvia Cernadas, Luis Lopez, Manu Lourenzo e Javier Bas / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou ao alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo, unha entrega de 350.000 euros para financiar a humanización da Praza de Cimadevila e a Rúa Rosalía de Castro e

Pretende subsanar deste xeito, segundo a administración provincial, "o erro herdado do anterior goberno" ao excluír ao Concello de Soutomaior do reparto de fondos do programa ReacPon, tal e como fallou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O presidente da Deputación e o director da área de coordinación intermunicipal, Javier Bas recibiron este luns ao rexedor de Soutomaior Manu Lourenzo e a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, no Pazo Provincial.

Luis López anunciou que no pleno deste venres someterase a debate unha modificación de crédito para conceder ao Concello "os recursos que lle pertencen e que lle foran negados no 2021 ao non valorar de xeito correcto o proxecto presentado ao ReacPon.

A proposta do goberno local, liderado naquel momento polo Partido Popular, recibira unha valoración de 43,25 puntos quedando fóra do reparto de fondos, pero a xustiza deu a razón á reclamación do Concello sinalando que o proxecto debería ter acadado unha valoración mínima de 61,25 puntos.

O ReacPon foi un plan de investimento posto en marcha polo anterior goberno provincial en 2021, financiado en parte a través de préstamos bancarios. Agora, en 2025, a Deputación terá que comezar a súa devolución, a razón de case tres millóns de euros por ano.

Durante o encontro, López adiantou ao alcalde a asignación ao Concello do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para modernizar os equipamentos municipais. Nomeadamente, Soutomaior disporá de case 123.000 euros, máis do dobre que no ano anterior, cando contou con 57.000.

Finalmente, a respecto dos actos conmemorativos do 150 aniversario do nacemento de María Vinyals, a Deputación comprometeuse a estudar a documentación achegada polo Concello para render tributo a esta precursora pontevedresa, nacida no Castelo de Soutomaior.

María Vinyals destacou como escritora e feminista nun momento en que as mulleres tiñan un acceso moi restrinxido á esfera pública.