A Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración entre o Concello de Pontevedra e a asociación de acollida e de adopción de cans Os Palleiros para que continúen a súa actividade no refuxio animal situado na parroquia de Campañó.
Marcos Rey, concelleiro de Benestar Animal, sinala que se trata dun convenio de dous anos de duración que se manterá activo ata o 31 de decembro de 2022. Cada ano, o Concello achegará 35.000 euros en catro pagos trimestrais de 8.750 euros, ademais farase cargo da execución das obras necesarias para garantir a utilización das instalacións municipais para albergar aos animais extraviados ou vagabundos.
No convenio contémplase a realización de actividades educativas e de sensibilización á cidadanía en materia de protección animal e o desenvolvemento de tarefas destinadas ao fomento da adopción responsable dos animais aloxados no refuxio.
Os Palleiros deberá facerse cargo da custodia, alimentación e coidado dos cans, con especial atención aos animais feridos ou maltratados.
Tamén a asociación encargarase do sacrificio dos animais, mediante procedementos eutanásicos, baixo a dirección do persoal facultativo e conforme ao establecido na lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia, ademais de poñer en coñecemento das administracións competentes os feitos que puidesen ser constitutivos de infracción administrativa.
Segundo expón Marcos Rey, a asociación comprométese a fomentar a adopción e a desenvolver actividades de concienciación e sensibilización a favor da acollida de cans e contra o abandono animal e os malos tratos.