347 pontevedreses atopan traballo en marzo, 115.307 seguen buscando

Pontevedra
02 de abril 2013

Sen dúbida, o descenso do paro en marzo débese, principalmente á Semana Santa. Non só porque comunidades turísticas como Baleares, Canarias e Galicia sexan onde máis baixou o desemprego, senón porque o sector servizos en xeral é que mellor comportamento tivo este último mes. A el recorreron 446 pontevedreses para atopar traballo

Traballador do sector servizos
Traballador do sector servizos / Mónica Patxot

Marzo deu un pequeno respiro ao Servizo Público de Emprego. 347 persoas atoparon traballo no último mes, segundo datos publicados este martes polo Ministerio de Empleo y Seguridad Social. Con este descenso, Pontevedra rexistra un total de 115.307 desempregados. Trátase dun 0,30% menos que en febreiro, mes no que nas listas do paro estaban apuntadas 115.654 persoas.

Sen dúbida, o descenso do paro en marzo débese, principalmente á Semana Santa. Non só porque comunidades turísticas como Baleares, Canarias e Galicia sexan onde máis baixou o desemprego, senón porque o sector servizos en xeral é que mellor comportamento tivo este último mes. A el recorreron 446 pontevedreses para atopar traballo.

Pola contra, o resto de actividades non tiveron tan bos datos en marzo. A industria e a construción, con 70 e 19 parados menos respectivamente, aguantaron o tirón, mentres que a agricultura e o colectivo de persoas sen emprego anterior elevaron as súas cifras ao rexistrar 95 e 89 desempleados máis, respectivamente.

En canto aos contratos, en marzo asináronse 16.652 en toda a provincia de Pontevedra. De todos eles apenas 1.388 (un 8,33% do total) foron de carácter indefinido. O resto, 15.264 foron contratacións temporais.

Con respecto a datos máis locais, a cidade de Pontevedra pechou o mes de marzo con 9.310 parados, 68 menos que o mes anterior. Igual que a tendencia estatal e galega, o principal descenso dos desempregados rexistrouse no sector servizos. Un aspecto que tamén chama a atención en Sanxenxo, onde 131 persoas atoparon traballo en marzo, 119 deles en ocupacións relacionadas co turismo.

En total, Sanxenxo pecha marzo con 1.927 parados, lixeiramente por encima de concellos como Poio (1.869 parados) ou Bueu (1.338 parados), aínda que superado por Marín, que conta con 2.799 desempregados. A tendencia á baixa cúmprese en todos os concellos da comarca de Pontevedra excepto en Ponte Caldelas, A Lama, Barro, Cotobade e Vilaboa, onde se incrementou lixeiramente o número de parados.

Arquivado en