Dez centros educativos de Pontevedra e 340 estudantes e docentes participan na sexta edición de Pontenciencia, un proxecto educativo impulsado pola Concellaría de Educación e a Universidade de Vigo que levará aos escolares a desenvolver nos próximos meses unha serie de investigacións baixo a dirección dun comité científico integrado por profesorado universitario.
Os resultados destes proxectos de investigación escolar serán defendidos polo alumnado na Minifeira da Ciencia, que se celebrará os días 31 de maio e 1 de xuño na Escola de Enxeñaría Forestal.
Segundo informou o Concello nun comunicado, a sexta edición de Pontenciencia arranca estes días co inicio dos cursos de formación sobre o método científico que se desenvolven nos centros de ensino participantes.
Os CEIP San Martiño de Salcedo e San Benito de Lérez e o CEE Pontevedra foron, a pasada semana, as primeiras paradas nesta serie de coloquios informativos que este mércores se estenderon ao CEIP Ponte Sampaio e continúan nos colexios Froebel e Sagrado Corazón, nas xornadas de xoves e venres, respectivamente.
O CPR San José, o CEIP Cabanas e o CPR Sagrado Corazón de Praceres, onde estas sesións se desenvolverán ao longo do mes de febreiro, figuran tamén na relación de centros participantes nun proxecto que levará ao alumnado a desenvolver, ata o mes de maio, unha serie de investigacións en distintos ámbitos.
Ademais de centros escolares, Pontenciencia é tamén un evento aberto á participación das familias, que poden tamén propor os seus propios experimentos e estudos. Para aqueles que queiran concorrer nesta segunda modalidade, desenvolveranse tamén unha serie de charlas informativas, o sábado 2, o venres 8 e o mércores 20 de febreiro, no espazo Arroelo (rúa Michelena 11).
A AVALIACIÓN FINAL, NO CAMPUS
Patrocinada pola Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt), Pontenciencia permite aos escolares, aos mestres e ás familias coñecer o desenvolvemento do método científico a través de experimentos que desenvolven durante o curso escolar, sinala a organización dun proxecto no que a exposición pública destes proxectos, diante dun comité integrado por profesorado universitario e investigadores, terá lugar na Minifeira da Ciencia.
Neste evento, que cada ano acolle a EE Forestal, a defensa das investigacións verase complementada así mesmo por proxeccións audiovisuais relacionadas e outra serie de actividades dirixidas aos participantes e relacionadas coa investigación e a ciencia.