300.000 imaxes, dixitalizadas para poñer en valor os fondos patrimoniais de Marín

Marín
14 de febreiro 2022

O Concello de Marín anuncia que xa ten todos os seus fondos a nivel serie documental inventariados segundo a NOGADA, a Norma Galega de Arquivos. Tamén están catalogadas as principais series do arquivo segundo os estándares internacionais. O proxecto de dixitalización avanza na súa segunda fase recollendo libros de actas do Concello e diversos expedientes, entre outro material documental

Proxecto europeo Time Machine
Proxecto europeo Time Machine / TimeMachine.eu

O Concello de Marín indica que se atopa moi avanzado o proxecto para preservar o patrimonio e revalorizar os fondos a través de dixitalización de documentos. Estes traballos iniciábanse en 2019 para clasificar tanto fondos patrimoniais dependentes do Concello como outros fondos privados e documentos sobre o municipio, a súa poboación, oficios, tradicións e industria, entre outros aspectos.

Todos os fondos do Concello xa foron inventariados segundo a NOGADA, a Norma Galega de Arquivos. Tamén se atopa catalogadas as principais series do arquivo atendendo aos estándares internacionais que garanten que o material se atopa correctamente catalogado, de maneira que é posible a súa difusión. Estes estándares son ISAD-G, ISDIAH, ISAAR e ISDIAF.

A dixitalización documental atópase na súa segunda fase e xa se trataron 300.000 imaxes, principalmente relacionadas con libros de actas municipais, libros de contribución rústica, expedientes de diversos ámbitos administrativos e outro tipo de documentos institucionais.

O goberno local sinala que a estes elementos hai que sumar os fondos relacionados co Concello que xa se atopan dixitalizados e que se poden consultar a través do portal Atopo da Deputación ou no portal autonómico  Galiciana, pertencente á Xunta.

PROXECTO EUROPEO TIME MACHINE

O  Concello tamén participa, en unión co CSIC, co departamento de 'Ciencias do Patrimonio' e outras institucións, dunha experiencia piloto dentro do proxecto europeo 'Time Machine'. Esta iniciativa pretende poñer en valor os patrimonios locais na contorna europea. María Ramallo, alcaldesa de Marín, participou en distintas mesas redondas para analizar a importancia da administración pública na tarefa de poñer en valor o Patrimonio e preservalo para futuras xeracións.

Desde 2020 elabóranse, por outra banda, as bases do proxecto 'Recuperación da memoria do Pobo'. Nesta proposta quérese facer unha recolección de fondos patrimoniais de toda tipoloxía presentes no ámbito local, desde asociacións ata fondos familiares e industriais para a posta en valor do patrimonio da vila nun plano etnográfico e social.

Neste caso tamén se realiza a catalogación, dixitalización, preservación e difusión dos fondos utilizando estándares internacionais e co emprego de ferramentas e canles xa traballadas en anteriores proxectos.